Casillas fixo por si

iker 1X. Ricardo Losada. Foi ao rematar o partido. España vencera a Eslovaquia, e cando Casillas, o porteiro da selección, se dirixía aos vestiarios, varios espectadores pedíronlle o pantalón. El sacouno, quedou en calzóns e deullo a un neno. A pesar de que vira accións similares moitas veces, os deportistas en cuestión regalaban camisetas, e a imaxe que daban (mesmo quedando en camiseta de tirantes) non era tan lamentable. Tiven, de súpeto, un funesto presaxio. Se o imperio romano caera porque un emperador cambiara a espada do cinto por unha cruz, a cultura occidental caería porque un porteiro de fútbol (o novo modelo social) cambiara o pantalón polo calzón e quedara todo cheo ante millóns de persoas. Irritado, apaguei a televisión e púxenme a facer outras cousas. Pero días despois veume á cabeza aquel calzón, e dediqueille uns minutos intentando saber por que me horrorizara tanto.

     O primeiro de todo, por cuestións estéticas. Pensei en modelos sociais doutras épocas e imaxineinos regalándolles a vestimenta aos seus admiradores e quedando en calzóns. Nin un guerreiro arcaico, nin un filósofo clásico nin un santo medieval, farían en público tal cousa. Pero tampouco un artista renacentista. Miguel Anxo, sen ir máis lonxe, pintou figuras espidas na Capela Sixtina, pero nunca en calzóns. A Daniele da Volterra recordáselle de forma despectiva como o Pinta Calzóns porque cubriu os xenitais dalgunhas desas figuras.calzon Tampouco aos librepensadores ilustrados, como Rousseau, que rexeitaba as convencións sociais e propuña a volta á natureza (é o pai do nudismo, non do calzonismo), nin aos científicos dos séculos XIX e XX se lles ocorrería tal cousa. E a razón é simple. Se lle preguntamos a calquera persoa, que é o primeiro que lle ven á cabeza cando escoita a palabra calzón, todas dirán o mesmo. Unha mancha de merda. De feito, eu vina aquel día no calzón de Casillas, houbésea ou non.

     Se pensades que o parágrafo anterior é parodia, equivocádesvos. E para demostralo, e para que vexades o grao de dexeneración ao que chegamos como cultura, aportarei un argumento ético. Imaxinade de novo a Casillas en calzóns regalando o pantalón da selección española, e reparade en que ao día seguinte non houbo unha soa crítica na prensa. E non me refiro a críticas estéticas (ao fin e ao cabo, para gustos píntanse cores), senón a críticas morais. Pois é inconcibible que nunha España que di estar moi sensibilizada contra a corrupción, ninguén se indignase por ese xesto. O pantalón de Casillas era propiedade pública, pagado cos cartos de todos os contribuíntes. Estaba autorizado Casillas a regalalo? Por quen? E ese quen, en base a que lexislación? E se tal lexislación existe, quen vai comprar o próximo pantalón de Casillas? O Estado ou el? Se o Estado, como se xustifica a nova orde de compra? (Podería eu regalarlle un dos ordenadores do meu instituto público a un alumno que me admire, miña sobriña, por exemplo, e pedirlle outro ao director?). iker2Se o pagará el, en base a que permitimos que a iniciativa privada entre no ámbito simbólico dun país? Que recibirá a cambio? Pero non só iso. Casillas cometeu unha gravísima discriminación. Con que criterio regalou a camiseta? A quen a el lle pareceu? Malo, malo. Proximidade do espectador? Que Declaración Universal recolle tal dereito? Que fose un neno? Máis comprensible, pero había outros moitos nenos. Como sabía el que ese era o máis necesitado? Pediulle ao pai, acaso, a declaración da renda? Por que a un neno e non á nena que estaba detrás? Discriminación de xénero, quizais? Por que a un neno branco e non a un negro, algún debía haber?

     Xa volo dixen, amigos, cheira mal, o calzón de Casillas cheira mal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *