Fin de Festa, de Diana Varela Puñal

fin-de-festa-diana-varelaXerardo AgraFoxo. Esta pequena alfaia –apenas 70 páxinas– desenvólvese ao redor de tres eixos temáticos: a vida de Susana Arnela, a peripecia duns personaxes “senlleiros” e a vila mariñeira de Xuvino, talvez traslado de Corme, onde transcorre a acción. A curta, pero intensa biografía de Susi Arnela é revelada  en catorce entregas, dende que “era a moza máis fermosa da vila” e comeza a “inxerir sustancias” que lle “causan estragos no seu aspecto”, ata que desaparece das paisaxes da súa mocidade e, finalmente, regresa “sen maleta” para participar “como estaba previsto” nunha “fin de festa”.

Ao redor desta historia, xorden un ronsel de figuras, perfectamente deseñadas, coma o “deslumbrado”, o coitado de Nolovegho, o mangallón Constante, o tatexo  Fernando D´Avas, o erudito Conzalo Ushanka ou, entre outros, o mesmo Vidú, cuxa “figura perviviu na lembranza de todos os camaradas”. Por último, destaca Xuvino, o peirao que, ademais de se converter no pano de fondo destas historias, lle serve á autora para explicar a súa evolución, dende que “non había terrazas” ata que xurdiu a “burbulla inmobiliaria” propiciada por “construtores ladróns”.

Diana_Varela_Puñal_(AELG)-3Fin de Festa é unha novela –ou un feixe de relatos– na que destaca tamén o emprego dunha linguaxe evocadora, moi axeitada ao ambiente físico e humano da Costa da Morte, e a visión crítica que nos ofrece dos sucesos a voz narradora.

Diana Varela Puñal (Corme, 1981) estudou Dereito na Universidade da Coruña. Ademais de avogada, é escritora. Ten publicadas varias obras, entre elas Fíos (Premio Uxío Novoneyra, 2008) e Animal Abismo (2010). 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *