Persona non grata, de Jorge Edwards

personaXerardo AgraFoxo. Corenta anos despois da súa primeira publicación, acabo de reler nunha edición de peto (DeBolsillo, 2013) esta recoñecida obra do escritor chileno Jorge Edwards, Premio Nacional de Literatura (1994), Premio Cervantes (1999) e actual embaixador de Chile en Francia. Persona non grata naceu despois de que o goberno de Salvador Allende o enviase a Cuba coa misión de encarreirar as relacións diplomáticas entre os dous países latinoamericanos. Aínda que Edwards soamente permaneceu na maior das Antillas tres meses e medio, entre o 7 de decembro de 1970  e o 22 de marzo de 1971,  a experiencia resultoulle proveitosa para retratar os problemas e contradicións existentes nun país que viña de celebrar o décimo aniversario do triunfo da Revolución.

jorgeNas súas apertadas páxinas, trazadas coma se fosen retallos dunha reportaxe xornalística, aparecen retratados os principais persoeiros da nomenclatura cubana –incluídos Fidel e Raúl Castro–, os intelectuais comprometidos co réxime – Alejo Carpentier e Nicolás Guillén–, os máis desafectos –Lezama Lima ou Norberto Fuentes– e un acontecemento de gran transcendencia política e cultural naqueles incertos días: o controvertido “caso Padilla”. Neste sentido, o libro converteuse, como di o autor, “en una reflexión desgarradora” ou no triste testemuño dunha época. O libro, malia que Pablo Neruda lle recomendara “no lo publiques todavía, no seas ingenuo”, foi editado por Carlos Barral no ano 1973.

Corenta anos despois, Persona non grata segue prohibido na illa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *