O pintor asasino

pintandoAntón Riveiro Coello. Cando chegou á vila todos se preguntaron quen era aquel home alto, barbudo e de poucas falas. Maruxa, a da tenda, que tiña moito vagar e demasiada imaxinación, deu en dicir que era un artista porque un día lle mercou dous botes de pintura. Sospeitaba que a súa predición era pouco probable, pero ela gozaba vendo como engordaban as súas mentiras. O forasteiro, que fuxía do seu propio pasado, soubo axiña dese rumor e aceptou esa nova identidade coma se collese roupa emprestada. E como de neno seica tivera man para o debuxo, non lle resultou difícil probar de artista e comezou a pintar cadros nos que sempre aparecía o rostro alegre dun meniño. Afeccionouse tanto á pintura que, de alí a un tempo, a súa sona transcendeu o orgullo local e o concelleiro de Cultura convidouno a expoñer no Centro Social. O día da inauguración, Maruxa mirou para aqueles cadros, nos que sempre aparecía o sorriso luminoso do mesmo cativo, e deixou caer o rumor malvado de que o pintor se agachaba na vila por mor do asasinato dese neno. A súa nova mentira tardou en prender na xente, pero ao final fíxose sitio, e durante moito tempo ningún neno pasou por diante da casa do pintor. O malo foi que un día apareceu morto un cativo no lugar da Moreira e só Maruxa tivo dúbidas sobre a autoría do asasinato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *