O día que me crin Charlie Hebdo

rica 1X. Ricardo Losada. Lin este chiste: A ONU fixo unha enquisa coa seguinte pregunta: Por favor, responda honradamente cal é a súa opinión sobre a fame grande por falta de alimentos que hai no resto do mundo. Cando recolleron os resultados, os funcionarios da ONU constataron que fora un fracaso. En moitos países non responderon. Os israelís non sabían que significaba por favor; os europeos do sur, honradamente; os cubanos, chineses e árabes, opinión; os europeos do norte, fame grande; os africanos, alimentos; e os norteamericanos, resto do mundo.

     Ocorréuseme facer esa mesma enquisa no meu instituto. Tamén foi un fracaso. Os de 1º da ESO non sabían que significaba por favor, e xa non seguiron lendo a pregunta; os de 2º da ESO, nin idea do que quería dicir honradamente: intentara explicárllelo varias veces o profesor de Cidadanía pero todos os exemplos (pais que dialogan cos fillos, profesores que preparan as clases, alumnos que non copian nos exames, políticos que non meten a man no cazo) lles parecían tan inverosímiles que nin os fans de Harry Potter os entendían; os de 3º da ESO ignoraban o significado de opinión: na casa só falaban os pais, as clases que recibían eran maxistrais ou con sistemas informáticos e cos amigos comunicábanse a berros; os de 4º da ESO non entendían por que a fame grande podía ser un problema, con abrir a neveira solucionábase; os de Formación Profesional Básica, non sabían ler e, os que sabían, non sabían querer ler;duda os de 1º de bacharelato pensaron que a pregunta ía (falta de alimentos) sobre as persoas anoréxicas, e non souberon que dicir pois, argumentaron, non tiñan, nin como optativas, Medicina ou Psiquiatría; os de 2º de bacharelato, ao ler resto do mundo, pensaron, por iso da globalización que tanto lles criticaba o profesor de  Historia (Só hai un país no mundo, dicíalles, EEUU), e porque o profesor de filosofía adoitaba chamarlle mundo ao universo, e o de Bioloxía lles dixera que a NASA descubrira vida en Marte, pensaron que a pregunta ía sobre ese planeta. Pasan tanta fame os marcianos como os africanos?, escribiu un dos alumnos, non sabía nada.

     Pensei moito se debía publicar este chiste. Pareceravos esaxerado, pero temía que provocara reaccións como as das caricaturas de Mahoma. Tamén eu ridiculizo un ente sagrado, o ensino público. Para curarme en saúde, aclararei algo. Debe tomarse ese chiste máis como un mito (pura ficción) que como unha lenda (ficción baseada en feitos reais) e, en ningún caso, como unha teoría científica (descrición de feitos reais). E diredes vós: entón, por que o publicas? Fácil de contestar. Porque, como dicía Jonathan Swift, a mellor recompensa da vida é rir cos amigos nunha esquina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *