Débedas e préstamos

cartea
Masturbación I-II. Dúas das 31 pezas de escultura do artista ribeirense Gonzalo Sarasquete, expostas os meses de xullo e agosto no Museo do Pobo Galego, en Santiago.

Eme Cartea. Este escultor ribeirense chega ao mundo da arte, formal e espiritualmente, da man de Atlántica, movemento que nos anos oitenta sitúa a linguaxe da arte galega na modernidade, sen por iso renunciar á parte idiosincrática de noso, social, cultural, económica e territorialmente. Dende os seus inicios traballa en distintos soportes, dende a madeira á fibra de vidro, entre outros. Pero nos últimos dez anos, tivo a intuición da lousa, e devén o seu material expresivo de referencia.

Nesta exposición, Gonzalo Sarasquete sucumbe ao abraio das placas barrocas, ese motivo decorativo que, xunto co cilindro, identifica a arquitectura compostelá do s. XVIII, e adorna as fachadas de edificios civís e relixiosos desta fase da historia, da man do arquitecto Simón Rodríguez. Estilo que troca a ornamentación naturalista recargada por unha valoración do propio material, cun envexable dominio da estereotomía da pedra. Converte o granito en elementos de volume e formas xeométricas que desafían a estética e mais a estática destas fachadas dinámicas, nas que o contraste de masas e ocos, luces e sombras, molduras e placas (cilindros, grampas, espirais e semicírculos) tecen estruturas de enorme plasticidade.

Nelas inspírase o noso escultor. Peculiar tratamento da lousa nun xogo persoal de volumes, débedas e préstamos, que anticipa os lenzos cubistas. Arte persoal de mínimos (minimal art), primixenia e bruta (art brut), onde por definición «menos é máis», sitúano nun tipo de abstracción de raíces étnicas, que absorbe do seu contexto vital (o mar, a arte, a paisaxe, a paisanaxe) a través dunha fonda retranca, que lle outorga a distancia precisa en toda creación orixinal.

MASTURBACION_2E nesta rocha sedimentaria, entre o negro e o gris, logra figuras compactas coma estas e, á vez, de aspecto livián, ao conxugar bloques e fragmentos de distintos tamaños, formas e ensamblaxes, o que deriva en texturas variadas e facturas de longas evocacións, dende as siluetas do paleolítico ata o noso imaxinario simbólico e colectivo.

 Da natureza ao símbolo a través da arte. Velaquí o percorrido da man do artista. O seminal e primitivo que se fai enigma, lugar sagrado, maxia para os sentidos. Formas que nacen e balbucen na súa inminencia.

Escultura sen centro focal, que diversifica a rede de olladas ao seu redor, conferíndolle espazo e identidade plural, na presenza do espectador que a contempla e completa dende a sensación e o intelecto, como un lector confidente e amigo.

Forza expresiva dos estados de ánimo e dos sentimentos. Dinamismo, xiros, torsións, a golpe de man e cicel. Turxescencias carnais. Unha metáfora puída de soños e suavidades matéricas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *