Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello

Portada elefantes 3Inés Otero. Janis, unha moza cunha vida complexa, séntese cativada por un home que  atopa nunha cafetaría, absorto na intriga das súas lecturas, pero que un día desaparece misteriosamente. Tamén sente a ausencia da súa nai –a arrepiante  orfandade materna por unha morte estraña– que trata de superar mentres mantén unha relación distante co pai. A vida monótona de Janis verase interrompida cando –un arrepío de pracer percórreme o corpo– descobre un individuo con engado. El, un escritor cunha vida marcada pola fuxida convertida nunha rutina, tamén busca respostas ás preguntas que o atormentan.

Mentres nos mergullamos nesta historia, diversos temas aparecen reflectidos na novela: as escouras da nosa historia recente (un golpe que feriu varias xeracións), a problemática que sofre a lingua galega (hai algo tráxico ao redor do noso idioma que escapa á miña imaxinación), o amor por Compostela (os edificios son páxinas, apuntamentos da nosa memoria), a corrupción política (son criminais, a economía leva moito tempo sendo un casino), o traballo no ensino medio (o xiz borra a miña inspiración), a crise económica (o rastro dos recortes na sanidade pública) ou as consecuencias dramáticas dos desafiuzamentos. O autor, á parte do seu amor polos libros e por algunhas cidades (Amsterdam, Praga ou Roma), confesa a súa paixón polo cine ruso, en concreto, polo recoñecido director Alexander Sokúrov, convertido nestas páxinas, coma os elefantes do curioso e enigmático título que ilumina a fermosa portada, nun pertinente mcguffin.

foto Lorena pequenaAdemais da sensibilidade que amosa Riveiro Coello, para falar dos asuntos da vida cotiá que nos espreitan, Os elefantes de Sokúrov (2015), contada coa alternancia de ata oito voces narrativas, recrea, a partir dunha linguaxe expresiva e un emocionante nobelo argumental, unha historia que medra en intensidade e interese mentres avanzamos paseniño na súa lectura. E semella que os dous personaxes principais da obra, que atravesan Compostela invadidos polos seus conflitos e emocións, os seus odios e afectos, son tan reais coma outros que divisamos cando percorremos a Cidade Vella: terceiro vértice do triángulo narrativo e oportuno pano de fondo desta excelente, ambiciosa e comprometida obra literaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *