Atmosfera, fervenza

silent_running (2)Oliveira Casal. Na primeira regresión narrativa de Annie Hall, o neno Alvy Singer vai ao médico acompañado da súa nai. Está deprimido e, cando está deprimido, non fai os deberes. A causa: o universo expándese e acabará por estoupar. Iso será o final de todo, explica o cativo absolutamente desinteresado pola vida. A nai, xa ao límite da crise nerviosa, dille que o universo non é asunto seu, e que «Brooklyn está aquí e Brooklyn non se expande». A nivel rexional (ou debería dicir nacional?, terrícola en todo caso), as últimas predicións do astrofísico Stephen Hawking inclúen o temor crecente ante unha guerra nuclear global que facilmente remataría coa civilización sapiens sapiens. A agresividade que nos é inmanente levaranos á extinción. Se esta apocalipse se chafase, as civilizacións extraterrestres nómades, que seguro nos visitarán, non serán máis amables con nós do que o foron os conquistadores españois cos nativos do Novo Mundo.

En todo caso, o final do ciclo como estrela do noso sol converterá o planeta nunha paraxe estéril, inapta para a vida do insecto máis insignificante desde a perspectiva sapiens. Polo tanto, compren naves misteriosas, ou naves silenciosas. Das dúas maneiras foi traducida ao castelán a inquietante e premonitoria película Silent running (Doublas Trumbull, 1972). Nela, o botánico que interpreta Bruce Dern acaba só e enfrontado á súa conciencia mentres coida do derradeiro bosque, do derradeiro xardín botánico. Nunha estación espacial con teitos transparentes, un invernadoiro interestelar de soberbia fermosura que se nos quedou gravado a todos os que vimos a cinta de nenos. Co paso dos anos, o recordo despoxou as imaxes de banda sonora. Hai uns días descubrín as melodías perfectas para seguir lembrando. Minimalismo sutil interpretado ao piano: Atmosfera e fervenza. Se a fin do mundo se produce, escoitalas fará que non sexa apenas cruel. Igual que Dalí pediu que soase o comezo de Tristán e Isolda de Wagner no tramo final da súa agonía. Agardamos o impacto de Melancolía coa terra escoitando a Aida Saco Beiroa en YouTube. Atmosfera e fervenza, delicados luxos creativos que se expanden desde Rianxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *