Papá, non son modificable

leonardo da vinciX. Ricado Losada. No último artigo que escribiu Oliver Sacks relata o caso de Walter B., un paciente de 49 anos, que foi sometido a cirurxía para extraer o centro das convulsións epilépticas que sufría no seu lóbulo temporal dereito. Como consecuencia, sufriu cambios físicos e de personalidade moi intensos. Pasou de non ter relacións íntimas, por exemplo, a desenvolver un apetito sexual insaciable. Como a muller non podía satisfacelo, pasaba horas masturbándose, consumía pornografía con frecuencia en internet (mesmo zoofílica) e acabou descargando pornografía infantil, polo que foi detido e xulgado. Varios neurólogos (entre eles Sacks) testificaron ao seu favor: as reaccións estremas que padecía foran provocadas polos danos no sistema central de control que sufrira na operación, e coa medicación que agora tomaba desapareceran. Non era, xa que logo, un perigo social, tendo en conta, ademais, que nunca tocara a ninguén que non fose a súa propia muller. Aínda así a xuíz condenouno a 26 meses de prisión. Considerábao culpable por non ter informado antes aos médicos, e por manter un comportamento que, ao soster unha industria criminal, era daniño para outras persoas.

     Supoño que vos parecerá un caso excepcional, e teredes razón. Pero só en relación ao presente. Grazas ao avance da tecnoloxía médica, eses casos serán cada vez máis habituais, ata converterse en maioritarios. É o que pensamos aqueles que cremos que non é posible explicar o noso comportamento sen a bioloxía e a neuroloxía. Os xenes non determinan a conduta humana, pero condiciónana, máis alá do que hoxe queremos crer. Probablemente nos estea pasando algo parecido ao que lle pasou á cultura grega co atomismo de Demócrito, á medieval co heliocentrismo de Copérnico, e á vitoriana co evolucionismo de Darwin e a psicanálise de Freud. Rexeitáronos porque tocan fibras moi sensibles da nosa arrogancia ontolóxica. DeterminismoO caso que conta Sacks é similar pois suscita un problema que nos preocupa desde que existimos. Somos libres ou estamos determinados, xa sexa polos deuses, o destino, a sociedade ou os xenes? Antes podía parecernos un deses problemas absurdos e estériles cos que disfrutan os filósofos, pero casos como o de Walter B. mostran que temos que reflexionar sobre el canto antes. Da resposta que demos dependerá a inocencia ou a culpabilidade dunha persoa, incluídos nós mesmos. David Eagleman foi dos primeiros en analizalo, e cre que acabaremos cambiando o concepto de responsabilidade polo de modificabilidade. En vez de preguntar polo pasado (Por que fixo o que fixo Walter B?), miraremos cara o futuro e preguntaremos: É posible rehabilitar a Walter B.? Se é posible, rehabilitarémolo. Se non, deberemos pensar se o cárcere modificará o seu comportamento, e no caso de que non, o Estado encargarase del, pero para incapacitalo, non para castigalo.

     Cóntase que un día do século XIII os alumnos de Teoloxía do irmán franciscano Giles foron preguntarlle se cría no libre albedrío ou na necesidade. Giles, despois de reflexionar un pouco, colleu o violín e comezou a bailar mentres tocaba unha peza absurda e mostraba a máis absoluta indiferenza ante aquela pregunta. el-libre-albedrioDáme a impresión que os cultos seres humanos do século XXI temos a mesma actitude respecto a casos como o de Walter B. e, como sempre, posporemos o debate ata que nos caia masivamente enriba. Eu, de feito, xa tiven un caso parecido, e vivo atemorizado de que máis pronto que tarde, me veñan moitos máis. Despois de explicar o determinismo estoico en clase, un alumno da miña titoría chegou á casa con sete suspensas, e díxolle ao pai que non podía castigalo pois era inocente: o destino determinaba o seu comportamento. O pai, que é home comprensivo e tolerante, defensor da liberdade ideolóxica e relixiosa, quedou desorientado, e veu falar comigo. Non souben que dicirlle. O único que se me ocorreu foi aprobar o fillo, a cambio de que non lle contase ao resto dos alumnos aquela coartada determinista que, entre outras cousas, implicaba necesariamente, segundo me dixo o propio alumno, que o profesor de Historia da Filosofía de 2º de Bacharelato, é dicir, eu, tiña que aprobalo pola cara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *