A face engaiolante das rochas

Palabras. Imaxe. Xeoformas
A figura dun dinosauro recórtase contra o horizonte en Baroña

Jose Lires. Non cabe dúbida de que os gustos, afeccións ou ocupacións de cada quen xogan un papel fundamental na percepción do medio que nos rodea. Deste xeito, o arquitecto vibra contemplando a correcta integración da súa obra coa contorna, o biólogo felicítase no interior dunha fraga sabedor da importancia coma corredor ecolóxico que ten no ambiente e eu tento ler no territorio a historia íntima das rochas, descubrir a razón do seu aspecto actual, e recrear as distintas paisaxes das que formaron parte.

Nestas lerias ando mentres repaso, recostado sobre unha mole rochosa no Central Park de Nova York, un correo de Xulio Gutiérrez convidándome a colaborar neste espazo. Como buscando o xerme do artigo, instintivamente as miñas mans comezan a explorar unha superficie aborregada chea de sucos e estrías. Imaxino o movemento do glaciar que foi esculpindo o perfil que agora recoñezo nun escenario do pasado, dominado polo xeo.

As miñas neuronas, tan afeitas a abstraerse e retroceder millóns de anos para recrear mundos perdidos, lévanme a asociar esta paisaxe coas rochas que se exhiben no acuario herculino.

Os icebergs desprendidos do extenso manto de xeo que cubría Norteamérica na última era glacial aboiaban no Atlántico carrexando sedimentos. Unha vez derretido o xeo, os polisóns pétreos recalaban nos fondos mariños. O remate da historia ten como protagonistas os mariñeiros de Muros recollendo de entre o peixe uns convidados de pedra, cometido que seguen a desempeñar á perfección dentro do recinto.

Pero esta capacidade de abstracción non é condición exclusiva dos xeólogos. Nin moito menos. As caprichosas figuras da erosión fan aflorar o espírito explorador de moita xente. Como investigador, teño participado en varias xuntanzas con persoas que dicían ter feito descubrimentos excepcionais.

Nunha ocasión, alertáronnos da aparición dun enorme esqueleto atribuído a un réptil fósil. Sen dúbida o achado do século, especulaba a voz ao outro lado do teléfono. Falsa alarma. O estado de excitación e as reservas cara aos investigadores, dificultaban o noso labor pedagóxico. Pasaba o tempo e o home comezaba a anoxarse namentres nós tentabamos administrar unha situación surrealista, sabedores de termos a batalla perdida. Aquilo non daba para máis. A frase lapidaria coa que nos despediu resoa aínda na miña memoria: A ciencia non é quen, polo momento, de demostrar a orixe destas pedras. Erraba, mais sorprendeume a fe cega que aquel paisano profesaba no avance dos coñecementos científicos. Alí o deixamos, sachando na leira e distribuíndo con agarimo as calcarias fusiformes -semellantes certamente a vértebras- polo chan do galpón, compoñendo a súa particular escultura lítica.

Tamén os rochedos graníticos ofrecen escenas que dan lugar a singulares interpretacións. Visualizamos figuras antropomorfas, marabillámonos ante os espectaculares ocos escavados polos ríos no seu leito, que bautizamos con nomes tan poéticos como «marmitas de xigante». Deixamos voar a imaxinación e, como quen xoga a interpretar a forma das nubes, atopamos a proba definitiva de que os dinosauros conviviron cos antigos poboadores do Castro de Baroña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *