Román Arén. Non vou agora explicar a importancia de Alberti (1902-1999) na poesía española, senón sinalar os vínculos con Galicia, que non foron escasos. En primeiro lugar, o autor de Marinero en tierra, foi amante da gran pintora galega Maruja Mallo (1902-1995), como se ve nas colaboracións para <La Gaceta Literaria>, ilustradas pola galega, e no volume resultado diso, Yo era un tonto y lo que he visto me ha hecho dos tontos está o poema “Carta de Maruja Mallo a Ben Turpin”, e é dende ese momento no que se pode falar de surrealismo na obra do gaditano. Logo viñeron a ruptura e o silencio de cinco décadas, que Alberti rompe cun artigo sobre Maruja Mallo en 1985 no xornal <El País>.
Alberti colaborará na revista coruñesa <Alfar> e foi moi amigo, xa no exilio arxentino, de Luis Seoane, que ilustrou algún dos seus libros. Rosalía foi aludida polo gaditano nunha conferencia de 1932 (“Rosalía de Castro, que, con una percepción y finura extraordinarias, vuelve, en su suave lengua galaica, a expresarse en el tono, ahora exacerbado, de los primitivos cancioneros galaico-portugueses”). Pero o máis interesante destas relacións é o poema que en 1954 escribiu sobre a pintura de Seoane que logo inclúe no volume A la pintura:
Por los caminos de neblina,/violeros,/gaiteros,/perros y santos pordioseros./Una aldea velada en la retina./Colores/con músicas y danzas de romero/playas serias de pescadores.