Gonzalo Trasbach. A historia e vida de John Lennon semella que estivo, para sorte ou para desgraza, asociada coa maxia ou a maldición, segundo se mire, de dous números naturais: o 5 e o 9. Foi un oito de decembro de 1980 cando o xenial cantante e compositor topouse coa morte, pero no intre en que o insensato Mark David Chapman baleirou o cargador da súa pistola no corpo do exbeatle eran as once da noite en Nova York e polo tanto en Galicia o calendario xa marcaba o día nove. El acababa de cumprir 40 anos e Sean, o seu fillo con Yoko Ono, cinco. O autor de Two Virgins naceu un día nove, ao igual que Sean, e Julian, case. Firmou cancións coma Revolution 9 e 9 Dream. Gañou o xuízo para quedar en USA un día 9 e casou en Gibraltar en 1969. E Yoko Ono perdeu un fillo un día nove.
Cinco anos eran os que tiña o seu pai Alfred cando o avó Jack Lennon, que tamén foi músico na súa mocidade, cambiou de barrio no 1917. O nove de outubro de 1940 veu ao mundo o fillo de Julia Stanley e Alfred Lennon. Este marchou da casa en 1945, cando o futuro líder de The Beatles tiña cinco. Cando se volveron ver, o entón neno xa era toda unha pop star. Dado que a súa mai andaba moi enredada co seu traballo, foi a tía Mimi quen coidou do pequeno John, este presenciou o 15 de xullo do 1958 como un coche atropelou a súa nai.
Logo de casar coa súa noiva do Instituto de Arte, Cynthia Powell, o seu fillo Julian naceu o 8 de abril de 1963. Cando cumpriu os cinco, os seus pais divorciáronse. Yoko Ono, a súa segunda esposa, tamén “perdeu” unha filla ao casar con John (Kyoko, produto do segundo matrimonio co cineasta Anthony Cox). Ambos perseguiron a paternidade durante varios anos. Varios abortos e unha separación foron o preludio do alumeamento de Sean, o segundo fillo de Lennon, o 9 de outubro de 1975, cando o músico chegaba aos 35. Dous anos despois, o autor de Imagine anunciou que se retiraba da escena musical para dedicarse a coidar o seu meniño e non cometer o mesmo pecado que con Julian.
Mantivo firme a súa palabra até 1980. Entón abandonou o retiro e gravou Double Fantasy xunto a Yoko Ono. Nove días despois da edición do disco, o 8 de decembro ás once da noite foi asasinado polo tronado Mark David Chapman ás portas do seu domicilio, no neoyorkino edificio Dakota, cuxa fachada inspirou a Polanski La semilla del diablo. Sumaba 40, e Sean, 5.
O 10 de decembro, domingo, medio millón de admiradores xuntáronse en Central Park, en Nova York, para renderen tributo ao fundador da Plastic Ono Band, mentres a outra metade do planeta honraba a súa memoria gardando, á hora do Angelus, dez minutos de silencio. Admirado John, 35 anos despois seguimos sen darlle unha verdadeira oportunidade á paz.