Galicia e os galegos na poesía castelá XXIX. Alejandro Casona

casonaRomán Arén. Houbo un tempo, quizais entre 1962 e 1980, no que parecía que o dramaturgo, exiliado moitos anos en México, Alejandro Casona (1903-1965) ía ocupar un lugar central na historia do teatro español do século XX, quizais só por detrás de Valle-Inclán, Lorca e Buero Vallejo; logo mantivo certa fama e bastantes reedicións pero xa non tiña tanta consideración nin era lectura obrigada no ensino medio, pois pensaba algúns que o seu teatro envellecera, con dignidade iso si. Malia todo a súa foi mellor sorte cá doutros grandes dramaturgos exiliados (Jacinto Grau, Max Aub ou Dieste). É o de Casona un teatro simbólico, de gran forza lírica, pero sen que estean ausentes certo didactismo e certo contido político-social. Obras como La sirena varada (1934), Nuestra Natacha (1936), Prohibido suicidarse en primavera (1944), La dama del alba (1944) e Los árboles mueren de pie (1949) son obras importantes na historia do teatro do século XX.

Pero Casona, en realidade Alejandro Rodríguez Álvarez, asturiano, foi tamén narrador (Flor de leyendas, 1934), director teatral do “Teatro del Pueblo” das Misións Pedagóxicas, e poeta postmodernista, autor de El peregrino de la barba florida (1926) e de La flauta del sapo (1930, que polos trasgos da imprenta, algúns cita como “La flauta de Safo”).

casona 2No primeiro dos volumes, subtitulado “Leyenda milagrosa”, a presenza de Galiza é moita, tanta que mesmo incorpora como poemas do conxunto dúas das nosas cántigas populares, unha delas a popular “Cantan os galos pr’ó día;/érguete, meu ben, e vaite…”, tan presente tamén en Lorca. Reproduzo o primeiro poema, “La caravana doliente”:

Un mercado galaico. Bullicio. Gaitería/de trajes y de lenguas. Confusa romería/de todos los dolores y todas las lacerías/y el abigarramiento de las norteñas ferias./En la cruz de Sant Yago sollozan los romeros/que van a Compostela. Mendigos, caballeros,/viejos, mozos, mujeres… Vierten, arrepentidos,/la hiel de sus pecados y sus cuerpos podridos./Hay un ciego harapiento, de melena revuelta,/que canta épico y triste, igual que un bardo celta./Y un malato de rostro buido, transparente,/y un viejo lazarino verdoso y pestilente,/y los que enloquecieron con el ramo cativo,/y los pobres, los tristes… Entre todos altivo,/cargado de cadenas, la mirada perdida,/yérguese el <peregrino de la barba florida>.

Estes dísticos alexandrinos fan pensar no Valle-Inclán de Flor de santidad, autor ao que admiraba Casona. Non é a única relación con Galicia, pois tamén se interesou por Castelao, a quen dedicou o artigo “Castelao, pintor y dramático”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *