Román Arén. Pouco a pouco vai saíndo á superficie, tras permanecer nese mar de tinta, esquecido cada vinte e catro horas, a obra en galego de Cunqueiro en xornais e revistas. Un Cunqueiro tan importante como o narrador ou o poeta. Tras o Remuíño de prosas, aparece agora en Galaxia O mundo que teño de meu, a cargo de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger. Reúnen setenta e seis textos de xornais e revistas, de 1930 a 1980, na súa maioría artigos, mais tamén algún relato e unha breve preza teatral xa compilada no Don Hamlet e outras pezas. O volume ten dous piares fundamentais: El Pueblo Gallego antes da guerra e Grial na posguerra, pero inclúe tamén textos de La Noche, o xornal esencial na recuperación do galego na prensa nos anos corenta e cincuenta, Vallibria, Galiza, Yunque, Nós, Alborada, Vida Gallega, Galicia Emigrante, Ronsel, A Nosa Terra e Nordés. Os compiladores exclúen os traballos de Faro de Vigo, que incluirán noutro volume. Un Cunqueiro este, ás veces novidoso por nacionalista, pero sempre lírico e cun pé na realidade e outro no soño. De Panait Istrati a Kipling, de Pardo de Cela a Seoane, de Rosalía a Valle-Inclán, sen esquecer Kafka ou Goethe. Cómpre seguir reunindo a obra galega de Cunqueiro na prensa, pois é máis numerosa do que se cre. Penso que este volume ben podía ter incluído unha fermosa peza do autor mindoniense publicada en Mundo Gallego de Bos Aires (nº3, 1952), a revista fundada por Eliseo Alonso, hoxe moi doada de ler pola reedición da revista feita polo Centro Ramón Piñeiro en 2007.
Unha peza, Never More, que pode ser clasificada quer como poema en prosa, quer como minirelato no ronsel do seu admirado Aloysius Bertrand en Gaspard de la Nuit, traducido ao galego parcialmente por Manuel Cartea en Barbantia (nº 9, 2013). A revista aínda ten outro interese: unha entrevista breve de Javier Costa-Clavell a Cunqueiro (nº2, xaneiro, 1952), na que o amigo de Merlín, como é habitual, cita libros que nunca se publicaron: Os sete contra Tebas, peza teatral. Cita como poeta principal da literatura galega a Manuel Antonio e esquece a Rosalía substituíndoa por Pondal. Tamén Never More aparece como parte doutro libro inédito, Retrato do home, acompañándoo dunha ilustración de Laxeiro.