A frecha no aire, de Ismael Grasa

a frecha 1X. Ricardo Losada. O subtítulo deste libro, escrito por I. Grasa seis anos despois de comezar a traballar nun colexio privado, indica o tema: Diario da clase de filosofía. Pero o que o fai atraente é o currículo do autor: “Hace seis años leí en un periódico que se necesitaba un filósofo… pero  nunca había pensado en dedicarme a la enseñanza, y menos de adolescentes”. Quizais por iso, o libro contén, a xuízo do autor, erros, reiteracións e contradicións, e non aporta unha soa idea orixinal. Aínda así, convén lelo (esteas ou non de acordo con el) porque o autor argumenta como o defensor da liberdade radical que di ser. E porque, noutro trazo decisivo do seu currículo, non era pai e exercía a autoridade por primeira vez. De aí veñen os momentos máis divertidos do libro. Como ese no que está dando unha clase sobre normas de vestiario e lle pide a unha alumna que saque de enriba da mesa a mochila. A moza sácaa e deixa ver unha camiseta excesivamente escotada. O lector, eu neste caso, tiven que levantar a vista do libro e facerme preguntas de gran calado filosófico. Tapaba aquela mochila os peitos da moza para evitar que non fose amoestada (como diría Hobbes) ou trataba de impedir que o profesor perdese a concentración (como diría Rousseau)? Era un atenuante ou un agravante, por aquilo da identificación da Ética coa Estética, que a cor da mochila fose a xogo co sostén da adolescente?

     Hai algo sobre moitos presuntos filósofos que sempre me chamou a atención. Cando falan en abstracto, parecen dominar con profundidade calquera tema. “O carácter fundamental da cousa, é dicir, a determinación esencial da cousidade da cousa de ser un isto concreto fúndase na esencia do espazo e do tempo”, e cousas así. Pero cando un fillo lles fai unha pregunta concreta, É importante a virxindade?, Como levarme ben con mamá?, Debo tomar marihuana?, pasan del, ou respóndenlle con tópicos e intereses mesquiños, e non superan en perspicacia a un iletrado.

     Ismael non é desas persoas que leu moito pero non pensou nada: un escravo dos datos, as citas e a intertextualidade. Non sei canto leu, pero si que pensou moito, e que pensou andando, como pedía Aristóteles.

Ismael Grasa. Foto, Juan Carlos Arcos
Ismael Grasa. Foto, Juan Carlos Arcos

Primeiro síntoma: escribe claro. Segundo: pensa tendo en conta como actúa (sen cinismo, pero con ironía), aínda que non actúe como pensa. Terceiro: ducias de frases como esta: “Uno de los alumnos me dice al salir: De estas clases uno no saca nada en claro. Yo le digo que conocer los límites de nuestro saber es también un modo de saber”.

     Lendo este libro non aprendín nada, pero fixen un amigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *