Quen fose oiticica

oiticica1X. Ricardo Losada. Cóntame unha veciña que o fillo suspendeu Debuxo en Aparelladores porque estaba debuxando ao aire libre nun parque da Coruña e choveulle no papel. Recórdame o caso dun famoso pintor. Ía pola rúa cunha carpeta de debuxos na man para mostrarllos ao profesor e comezou a chover. Como non tivo tempo a resgardarse, a chuvia empapou os debuxos. Aínda así, ao profesor encantáronlle, e o alumno creou un novo estilo pictórico. A muller de Paulo Coelho, Christina Oiticica, ten unha forma moi curiosa de pintar. Enterra os cadros para pintalos a dúas mans coa propia natureza. Ela pon a parte realista e a natureza a parte abstracta. Deixa a secar, por exemplo, os cadros toda a noite nun bosque. A terra, os animais, o clima, modifícanos, e o resultado sempre lle parece fermoso. Cre que a natureza é a súa propia familia. Para dar apelido á estirpe, os seus antepasados portugueses escolleron o nome dunha árbore, a oiticica, que crece no sertáo, ao noroeste do Brasil.

oiticiciaA fatalidade do fillo da miña veciña comparada coa fortuna do pintor famoso e da muller de Paulo Coelho faime reflexionar sobre o éxito na vida. Teño lido moito sobre o tema e cada vez estou máis convencido de que hai que nacer de pé. Sei que non é unha teoría moi científica nin moi optimista nin moi liberal, no bo sentido da palabra, pero é o que hai. Teño máis dúbidas sobre a autoría das obras, e os méritos respectivos. No caso do pintor famoso dubido menos. A obra non é súa. As gotas de chuvia caeron no debuxo cando e como lles petou. No caso de Oiticica é distinto. Utiliza o bosque como un medio para conseguir os seus fins, e faino con premeditación, aleivosía e nocturnidade. oiticica2Por riba, pon como coartada unha árbore do sertáo: ten dereito a enterrar os cadros porque ela é unha oiticica e ten raíces na terra.

Foi entón cando comprendín que no mundo posmoderno no que vivimos, para ter éxito, non chega con nacer de pé. Necesítase unha teoría sobre o que fas, canto máis excéntrica e afectada, mellor, e ao fillo da miña veciña non se lle ocorreu ningunha. E tíñao fácil: en Galicia, a chuvia é arte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *