Ler a Kafka

9788490660805Agustín Agra. A grandeza da vida (Tusquets, 2015) é unha obra de ficción do alemán Michael Kumpfmüller. Nela novélase o último ano de vida de Frank Kafka: a historia de amor que o ligou a Dora Diamont dende que se coñeceron na costa do Báltico, no verán de 1923, ata a morte do escritor por tuberculose en xuño de 1924. Nas súas páxinas ráchase coa imaxe tradicional erguida arredor do autor checo: eis un home –pese á enfermidade– feliz, namorado –tras as malogradas relacións con Felice Bauer e Milena Jesenská– e escribindo decontino…

É a mañá dun sábado do outono incipiente. Antón e mais eu imos ao parque infantil; mentres o cativo abana na randeeira, eu enceto o libro que me prestou un amigo: primeiro a lapela cos datos do autor e a contracapa co resumo que proporciona a editorial; logo as recensións que o meu camarada, fiel o seu costume, sei que garda detrás da lapela traseira do libro. img_2460A primeira asínaa Manuel Vilas no suplemento Babelia de El País; a segunda é un obituario de Vera Saudková, a última das sobriñas de Kafka –sobreviviron catro; mentres, outros sete membros da familia morreron nos campos de exterminio–; a terceira unha entrevista de Fernando Aramburu no Cultural de El Mundo a Kumpfmüller, autor de A grandeza da vida.

Tras a lectura dos recortes de prensa, quizais influenciado por algunha situación absurda que ten lugar ao meu arredor, tiro un par de conclusións: a novela semella interesante, apetecible, mais os clásicos de Max Brod –o amigo excesivo– e Gustav Janouch –Conversas con Kafka– aínda máis; pero, por que ler unha novela sobre Kafka podendo ler o propio kafka?

Kafka_Das_Schloss_1926Xa que logo desboto o préstamo e decido regresar, case trinta anos despois do primeiro achegamento, a unha novela imperfecta e inacabada, estraña e desconcertante, mais que se me amosa como un deses libros-larva –Julio Ramón Ribeyro dixit– que deixa escoitar a súa voz despois de lelos. É posible, mesmo probable, que me equivoque coa miña decisión. Asumo o risco. En canto chego a casa percorro os lombos dos andeis da libraría e, cando atopo o que procuro, inicio sen demora o asalto a O castelo:

A noite caera cando K. chegou. …

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *