X. Ricardo Losada. Hai uns anos enfadei uns amigos en Praga. Mentres eles admiraban a ponte do río Moldava, eu deleitábame co parecido que tiña coa ponte do río Te: as dúas unen ribeiras. Mentres eles admiraban a catedral de San Vito, eu deleitábame co parecido que tiña coa igrexa de Santa Comba: as dúas unen a Deus cos fieis. Mentres eles admiraban o cemiterio xudeu de Josefov, eu deleitábame co parecido que tiña co cemiterio católico de Pedra Vixía: os dous unen tempo e eternidade. Os amigos, fartos de oírme falar de Rianxo a tantos quilómetros de distancia, chamáronme pailán.
Sempre foi unha manía que tiven. Cando viaxo, acórdome máis de Rianxo que cando estou en Rianxo, do mesmo xeito que me acordo máis da muller cando non a teño diante que cando a abrazo. A min paréceme de sentido común, mesmo de ben nacido, pero comprendo que haxa xente á que lle moleste que en plena praza de Wenceslao lle atope parecido a Jan Hakl con Pepe o Cachola ou a Levka Hulova con Rosa a Chirivichela.
Comprendo, pois, que me insulten, e que me chamen monotemático, chauvinista ou petardo. O que non comprendo é que me chamen pailán. En todo caso, cosmopolita. Cosmopolita non é o que viaxa moito para coñecer lugares e culturas distintas (ese é o viaxeiro ou a súa deformación posmoderna, o turista). Cosmopolita é o que viaxa para comprobar que o mar de Tunicia é o mesmo que o mar de Rianxo, porque é capaz de ver, como Monet cando pintaba a catedral de Rouen, todos os mares do mundo no mar de Rianxo, distinto cada segundo que pasa.
Nunha viaxe a Benarés, na India, descubrín que os habitantes desa cidade sagrada do hinduísmo, nunca van a ningún sitio. Cren que viaxar é absurdo xa que Benarés é un cosmograma, contén o universo enteiro. Calquera cousa esencial que haxa no mundo téñena alí, sen jet lag nin síndrome de clase turista. Co corpo aínda doído por vinte horas de viaxe, comprendín que os benareses eran os cosmopolitas perfectos. Chameime pailán, badoco, marulo, paifoco e pailaroco, e prometín non saír nunca máis de Rianxo. Estouno cumprindo. Eu tamén nacín nun cosmograma.