María Xesús Blanco. É un pracer ler a Amos Oz (Xerusalén, 1939), e a súa obra Entre amigos (Editorial Siruela, 2012) é un fermoso agasallo para todos os que gozamos da literatura. Son oito relatos curtos onde o escritor volve ao espazo e ao tempo onde xurdiu a súa obra. Oito historias conectadas unhas a outras por un kibutz imaxinario onde se desenvolve a vida duns personaxes que comparten vivencias, sentimentos e penalidades cotiás. O lector mergúllase na realidade dunha comunidade rexida por estritas normas baseadas na combinación de ideais tomados do Talmud e de textos marxistas que anhelaban o asentamento dunha sociedade igualitaria e autosuficiente na terra prometida. Cun estilo claro e nidio, onde tamén hai lugar para a ironía e o paradoxo, Amos Oz explora con grande habilidade os conflitos e as tensións provocadas pola convivencia entre homes e mulleres que han de vivir en primeira persoa as contradicións dun proxecto que ningunea os soños íntimos e os anhelos persoais, ás veces dun xeito dogmático, en favor da colectividade. Como ocorre en Un neno pequeno, onde un pai ha de deixar todas as noites o seu fillo na gardería, porque non está permitido que os nenos e nenas durman nas vivendas familiares, aínda sabendo que non quere quedar alí e que o pasa mal. Ou en Dir Ajlun, onde unha nai se enfronta á comunidade para loitar polo futuro do seu fillo fóra do Kibutz. O lector verase atrapado nestes enredos cotiáns e tamén nun labirinto de emocións intensas e dispares. Compartirá a soidade dun xardineiro que renuncia á compañía en O rei de Noruega.

E a determinación e a integridade dun home solitario en Esperanto. Sentirá as burbullas do amor e o desexo en Pola noite e do desamor en Dúas mulleres. E a impotencia e a rabia dun pai que tenta respectar a relación amorosa da súa filla moza cun home maior no relato maxistral que dá título ao libro, Entre amigos.
Estamos diante dun libro delicioso que nos mergulla no microcosmos dunha sociedade, no retrato dunha época, coas súas luces e sombras, e que nos invita a gozar da literatura e tamén a reflexionar sobre a condición humana e sobre nós mesmos.