Paco Casal, pintor do mar

Foto feita por Cris Otero
O francés de Balieiros

Pastor Rodríguez. Que difícil pintar o mar! Un mar sempre vivo, en movemento, en expresión, un tecer e destecer fíos de auga… E o artista, o verdadeiro artista, ten que deter o tempo e captar a cor, a mobilidade, o furor ou a calma, sen que se resinta a expresividade. Pois o mar, para estar na arte é algo máis co mar abstracto e co mar real, ten que estar tamén no sentir do artista, nos seus soños e no seu saber do oficio. Un verdadeiro artista crea non só unha obra de arte, manifesta unha opinión, como quería Pafnovski, unha opinión fundada, ben fundada, para que nós contemplemos a idea e a forma do mar, complexa e simple, que nos entre polos ollos, por onde entra a pintura esencial. E Paco Casal consigue isto, un mar cheo de vida e de cor, máis mar que o mar banal dos que non somos artistas, pero tentamos comprender. Un mar que nos abraia, pero que os galegos tememos e amamos. A arte é universal, si, pero ten as raíces, a cerna, no propio, nas nosas visións e nos nosos soños. Cunqueiro citaba, ás veces, un verso do gran poeta irlandés Jeats, aquel que canta “a asasina inocente do mar”, o grande monstruo inocente, cego, chego de poder e vida, o mar Atlántico, ese mar orxiástico tan lonxe do “mar sempre recomenzado” de Valéry, o Mediterráneo. Transmítenos con acerto o artista, a realidade cambiante do mar, a orxía de cor, de luz, de perpetuo movemento onde brilan os pés do vento.

Foto reita por Cris Otero
A pedra da punta da barca  (A Cobasa, Aguiño)

  Un pintor non “copia” a realidade, vívea, transfórmaa, faina creación máis viva, máis significativa para que, máis aló do logro técnico, o inefable se comunique ao espectador. Toda pintura ten un “asunto”, aínda que sexa abstracto, pero un cadro dá o que pode ser aceptado como pintado, exento das impurezas, eternizado. Dáse á materia impulso sensible, a cor muda nunha cualidade anímica, porque o ollo humano é o que fai comprensible o mundo. Penso que era o francés Alain quen sostiña que a pintura é conformar un todo (debuxo, luz, cor) a unha emoción, que “resucita a Natureza”.

  Logra Paco Casal coas súas “mariñas” o que Cunqueiro, o alquimista que todo o transmutaba, pedía a toda pintura, a toda arte: ser parte dunha Creación, dunha nova creación diaria, dun mundo para descubrir. Un cadro, unha mariña de Casal, son o que a arte debe ser: un redescubrimento do mundo. O mundo do mar que perante nós se expresa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *