Antón Riveiro Coello. Estamos a finais dos anos cincuenta e primeiros dos sesenta. Ao Greenwich Village chegan músicos arrastrados polos soños de acadar unha carreira musical. E Inside Llewyn Davis recolle os momentos anteriores á aparición do propio Bob Dylan, que concretará nel mesmo todas esas voces que o precederon e lle abriron o camiño do éxito, voces interesantes que se cadra non tiveron a sona merecida como é o caso deste mozo que protagoniza a película, un tal Llewyn Davis inspirado na vida do músico Dave Van Ronk, autor dunha fermosa canción como é Hang me, Oh Hang me, pola que xa paga a pena ver esta película. Os irmáns Coen, coa súa particular ollada, introdúcennos nesa atmosfera, por veces, hipnótica e escura, e van perfilando con mestría o destino dese músico convocado polo fracaso, que percorre as salas e as casas dos amigos. A súa historia é unha viaxe pola supervivencia nesa Nova York fría e tan ben retratada polo fotógrafo Bruno Delbonnel. A feitura da película é, unha vez máis, tecnicamente maxistral, e non vou negar a perfección dos irmáns Coen para crearen atmosferas cribles, como a deses concertos íntimos, debuxados por unha luz estraña e sombría. Recoñezo tamén que hai algo persuasivo nas voces, na música descarnada, no directo gravado nunha soa toma, en determinadas escenas, case surrealistas, que crean momentos memorables, como cando aparece ese actor descomunal chamado John Goodman, que interpreta a un estraño ionqui afeccionado ao jazz, ou cando o protagonista visita o asilo no que está o seu pai e atravesa o muro que os afasta cunha canción esgazadora, ou cando o produtor (F. Murray Abraham) accede, impasible, a escoitarlle unha composición nunha sala escura e desolada.
Pero tamén é certo que por momentos teño a sensación de distancia e nada parece atarme ao personaxe principal, agás cando canta; a súa voz cálida parece un salvavidas para o seu naufraxio, para esa derrota presentida, e ese frío inverno neoiorquino, tan ben debuxado, acaba tomando conta dos personaxes e tamén do espectador. Non sei. Poida que esta película sexa incluída nas mellores películas do ano, non só por ser dos irmáns de Minneapolis, ou por ter acadado premios de certo prestixio como o Gran Premio do Xurado na pasada edición do Festival de Cannes, pero ao meu ver está moi lonxe de Fargo, Morte entre as flores, O gran Lebowski ou Barton Fink, por poñer algúns dos exemplos de máis altura na súa longa e interesante filmografía.