Xerardo AgraFoxo. Tres homes e unha escena cotiá. Malia a fraqueza do caderno, talvez falen dun asunto relevante. Sona literario, quizais algo esaxerado, pero, se te achegas a eles, mesmo podes oír as súas voces. E, se cadra, descubrir o motivo do encontro. Ahmed, o dono da tenda, tal como amosa a súa faciana tersa, é o máis novo do grupo, e co seu lapis amarelo, sen erguer a ollada, intenta rematar un acordo.
Sobre o mostrador, Maruf, cunha túnica clara e as babuchas amarelas, aínda que entende catro idiomas, espreita con receo os números. O máis vello, Rachid, dende unha desgonzada caixa e cun dedo delatando as súas incertezas, calcula o froito da súa viaxe dende a montaña. O tempo semella detido para eles, non se ven reloxos, nin se aprecia impaciencia nos seus rostros. E os tres regatean, cada un ao seu xeito. Rachid, pastor, vendeulle a Ahmed, o xastre, dous sacos de pelo de ovellas que trouxo na mula, e Maruf, tendeiro, venderá despois as pezas de la no zoco.
Absortos nos seus negocios, alleos ao balbordo da medina, non se decatan de que os axexan, de que alguén lles está a roubar a súa intimidade. Pero esta historia, é real ou inventada? E, se é verdadeira, onde sucede? En Fez el Balí, no século XXI? Ou en Toledo, mil anos antes?
Por que descubrir tantos misterios?