Agustín Agra. Este pasado xullo percorrín Polonia. Malia as dúbidas que levaba canda min, ao final decidinme e acabei por visitar os campos de exterminio. Achegueime a Auschwitch-Birkenau e tamén a Majdanek, dous dos sete lager que a Alemaña nazi ergueu coa intención de levar a termo a coñecida como solución final. Non podo dicir que esas visitas, aínda a sabendas de atoparme nalgún dos lugares onde se produciran as peores ignominias da historia da humanidade, me impresionaran dun xeito especial. A impresión de estar nun escenario era continua: cantas veces veriamos esas imaxes -barracóns, cámaras de gas, crematorios…- en películas e documentais?
Porén, á volta, non puiden evitar mergullarme de novo neses filmes e, asemade, nalgunhas das lecturas máis arrepiantes acerca desa temática. Entón si, aí a miña percepción, quizais alicerzada agora polas imaxes reais dos campos acabados de percorrer, mudou de maneira radical. Daquela, as palabras de Kertész e Primo Levi comezaron a proerme, as entrevistas aos superviventes e ás testemuñas de Shoah, o documental de Lanzmann, a se me apareceren polas noites.
Eu non sei se non será todo máis ca unha doenza pasaxeira, unha simple paranoia posvacacional. Mais o que si sei é que dende o mesmo día do meu regreso comecei a percibir no aire o alento da intolerancia. Case cada vez que abro os ollos -para mirar os xornais ou a televisión, para esculcar na arañeira, ou sinxelamente para observar a realidade ao meu arredor- creo sentir a pegada do totalitarismo. Síntoa na manipulación informativa e na súa utilización tendenciosa, nas eivas culturais fomentadas á mantenta. Advirto o fanatismo político -tamén relixioso-, a libido do poder, avanzando a peito descuberto. Síntoa en tantas e tantas cousas que non podo evitar pensar que calquera destes días algún dos que camiñan da man do feixismo nos dirá que o traballo nos fará libres. Arbeit match frei, cuspiranos á cara a cita inscrita sobre a porta do Konzentrationlager Auschwitch. É daquela -non, non podo evitalo- cando sinto que me levan os demos e que algo horrendo, innomeable, me agroma de dentro.