España, capital París

españa capital paris 1Pedro García Vidal. Lin nalgún sitio que este libro, España, capital París (Destino, 2010), debía ser para algunhas persoas unha lectura por prescrición facultativa. Unha saudable opción, penso, e máis agora en pleno debate sobre o modelo territorial do Estado. Poucas veces unha obra de ensaio sobre un tema tan árido como pode ser a política de infraestruturas en España, resulta tan didáctica e clarificadora. Cunha linguaxe clara e unha precisión técnica ben alicerzada nos datos, o autor, o catedrático de economía Germá Bel, explica con todo detalle a progresiva implantación da radialidade no mapa de España. Estamos ante un preciso retrato da política de infraestruturas orientada dende os seus inicios ata hoxe en plasmar un modelo de comunicación radial, onde todos os camiños conduzan a Madrid, o centro de todo: o quilómetro cero para estradas, autopistas, liñas férreas e liñas aéreas.

     Converter Madrid, unha modesta cidade do centro peninsular, nun “París de España”, dinos o autor, foi un desexo dende os primeiros monarcas borbónicos –de orixe francesa- ata ilustres reformadores da España contemporánea. Ata hoxe non variou a intención inicial de xerar unha orde política férrea grazas a infraestruturas radiais que garantan a estabilidade administrativa e a preeminencia económica dunha pretendida capital total. A radialización das infraestruturas españolas, explica Bel, non foi unha evolución  natural da orde xeográfica das cousas, senón que, pola  contra, foi resultado do uso desigual de fondos públicos distorsionando a normal competencia entre as áreas urbanas. Pero ademais, as políticas de promoción e axuda a Madrid non se limitaron ás infraestruturas e o transporte. Nos últimos anos de concentracións empresariais e privatizacións xerouse unha corrente de concentración de sedes en Madrid, buscando a proximidade do poder regulador (pensemos, por exemplo en Fenosa no caso galego). Agora, a reforma financeira en curso provocou a centralización masiva no noso París particular das sedes operativas dos novos SIP e bancos derivados. Incluso, e a modo de anécdota, relátase como o Goberno central subvenciona o principal equipo de fútbol da capital política, convertido en imaxe de marca de todo o país, aínda que este compita con outros clubs españois. En definitiva, o caso de España, afírmase, non é natural. Soamente a intensa asignación de fondos estatais explica esa distorsión da competencia entre cidades, o que segundo o autor dana a produtividade económica e o benestar do conxunto dos cidadáns do Estado.

VALENCIA 28-2-2011 EL ESCRITOR ,GERMÀ BEL. FOTO,MÒNICA TORRES
Germà Bel. Foto: Mónica Torres

    Radialidade vs transversalidade? Sen dúbida, un necesario debate pendente como pon de manifesto o documentado e controvertido ensaio de Germá Bel, e que a mesma realidade diaria se encarga de confirmar coa aparición de noticias contrapostas relacionadas coas infraestruturas: por un lado, a inauguración do tramo galego da transcantábrica, co que finalmente logra racharse coa radialidade das vías de alta capacidade a prol da transversalidade dunha cornixa Cantábrica ben comunicada; por outro, a quebra das radiais de Madrid ante a falta de tránsito suficiente,  que van supoñer o aporte público de máis de 4.000 millóns para pagar uns excesos baseados en criterios de centralidade política que priman por riba da eficiencia e a cohesión social.

Un comentario en “España, capital París

  1. Grazas Pedro por recomendar un libro cunha información moi interesante alomenos para min. Completa a que teño de dos libros que, en certa medida, tratan cuestións semellantes aínda que dende perspectivas distintas. Estou a falar da “España invertebrada”, un magnífico texto de Ortega que case ninguén leeu, e tamén dun máis moderno, “Madrid es una isla”, do vigués Óscar Pazos. Nos dous o acento está posto, ademais dos datos, nunha cuestión metafísica, clave talvez para entender o laberinto peninsular. En calquera caso, moi boa explicación. Grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *