À rebours, de Joris-Karl Huysmans

contrapeloEme Cartea. A novela À rebours (1884)– traducida ao castelán como A contracorrente, A contrapelo, Contra natura, Ao revés– un punto de referencia dos derradeiros anos do século XIX en Francia, está considerada como a Biblia ou manifesto do decadentismo (no que se conxugan aspectos políticos, económicos, relixiosos e literarios). De estilo singular e refinado, complexo e irónico, supón unha ruptura coas maneiras realistas de narrar ata entón.

Joris-Karl Huysmans (seudónimo de Charles Marie Georges Huysmans), crítico de arte e literatura e novelista francés, é un dos autores máis coñecidos, polémicos e lidos da época. Este escuro funcionario do goberno, ser neurótico, pesimista antropolóxico, extravagante e de gustos estéticos contraditorios escribiu novela cun forte contido autobiográfico. Inicialmente naturalista zoliano, convértese logo no gran representante do decadentismo refinado de fin du siècle, segundo a estética simbolista canonizada por Baudelaire.

portada huysmanAcentúanse nel os problemas psicolóxicos e, en 1891, escribe a novela Là-bas (que interesou a Georges Bataille, e da que o mesmo Luis Buñuel fai un guión cinematográfico), baseada na figura histórica de Gilles de Rais, e que vai sobre satanismo, ocultismo, cábala e esoterismo. Despois, a conversión ao catolicismo deixaríanos obras de tipo relixioso como Enroute (1895) ou La Cathédrale (1898) sobre as súas experiencias místicas.

O personaxe de À rebours (1884), Jean Floressas Des Esseintes, un dobre do autor, vai encarnar o sentir de toda a xeración do spleen baudelairiano finisecular. Este rapaz, aristocrático, culto, orfo dende a adolescencia, que crece sen a atención e o cariño dos seus pais, moi pronto se desilusiona e aburre no trato dos seus familiares –nostálxicos e reaccionarios–, mais tamén no dos seus compañeiros de estudo –e logo de esmorga–. Tampouco os ambientes intelectuais, estreitos e mesquiños, o satisfán, nin a frecuentación de orxías e prostíbulos o estimulan. Erotismo e sexo equívoco, alcol, droga, noites en branco, praceres sen límite, vano levando a un lento aborrecemento dos goces mundanos. Pero tales experiencias e excesos non o privan da consciencia da súa alteridade, que vive con orgullo e dor, e que o arrastran á máis radical alienación persoal e, como corolario, á máis absoluta e auténtica das soidades.

Misántropo convencido, Des Esseintes rexeita o mundo moderno e a súa moral hipócrita e, á procura dunha vida máis intensa, vende o castelo familiar e opta por recluírse nunha mansión ás aforas de París, en Fontenay-aux-Roses, que decora co poder da súa imaxinación e segundo os seus gustos decadentes. Neste mundo de fantasía e simulacro entrégase ás máis estrañas extravagancias emocionais, intelectuais e sensoriais: lectura de libros escollidos da literatura latina e francesa, pintura, perfumes,  sabores, flores naturais que imitan as falsas…  o que o afianza no seu rexeitamento dos valores de progreso e liberdade burguesa, que agochan a explotación, a insatisfacción e a miseria social e espiritual.

Este personaxe, arquetipo do mal de siècle, é un pesimista que le a Schopenhauer, un antiheroe refinado, enfermizo e autodestrutivo; un cínico e inconformista moral, que busca o pracer na perversidade estética. Sen dúbida,Huysmans inspírase para o seu personaxe na vida e figura do dandi aristócrata Robert de Montesquiou.

Se hai unha palabra que pode definir a Des Esseintes, é a de dandi. Fai seu o emblema “jem’ennuie” (abúrrome), que percorre o século XIX e principios do XX, definido polo seu individualismo, a elegancia, a impasibilidade, a ironía, a beleza, o espello, o coleccionismo, o misterio, o silencio e a soidade. E todos, reaccionarios e antimodernos,  “à rebours” das masas, proletarias ou burguesas.

Guillermo Cabrera Infante, que o tiña como libro de cabeceira, escribe no prólogo da primeira edición de Tusquets (1980): (traducimos)

Joris Karl Huysmans“A través do personaxe de Des Esseintes, Huysmans non só describiu e inmortalizou o torpor, a languidez, as velenosas e perversas neuroses spleenescas do século que terminaba, senón que o encarnou nun heroe kierkegaardiano, grotesco e patético á vez, que pasou a ser unha das figuras máis representativas da angustia que teña deixado a literatura. É, en certa maneira, o precursor de Roquentin, o protagonista de A náusea, de Sartre. A terceira persoa á que recorre o autor para narrar o profundo rexeitamento e o tedio “que o corrompe todo” de Des Esseintes, non é máis, en realidade, ca unha máscara que encobre ao propio Huysmans. Des Esseintes era simplemente o seu Mister Hyde…”. Precursor de Roquintin, pero tamén, entre moitos outros, do “Fanshawe” de A habitación pechada, de Auster, como ben intuíu Vila-Matas.

Os entusiastas da metaliteratura e de Oscar Wilde saben que é o libro que o inspirou para escribir O retrato de Dorian Gray, e que na ficción Lord Henry Wotton regala a Dorian, que cae fascinado pola súa lectura pois que nela atopa o seu propio retrato, influenciando poderosamente a súa visión persoal e do mundo.

Unha novela esteticamente simbolista, na que Huysmans–Des Esseintes se moven entre o amor á arte e a xenreira á vida, entre a fe relixiosa e aquilo que a relixión prohibe.

Un catálogo de perversións, desviacións e excentricidades. Unha narración non naturalista que ficcionaliza a realidade sen reparos: por exemplo, facendo crítica literaria e pictórica, lúcida e acertada, de obras anteriores e do seu tempo: Poe, Dickens, Marqués de Sade, Verlaine, Baudelaire, Mallarmé,  Flaubert, a literatura latina…; a filosofía de Shopenhauer, a pintura de GustaveMoreau e OdilonRedon, Goya, O Greco, Rembrandt…,  contribuíndo á fama real de máis dun dos seus coetáneos.

Unha novela que, para o gusto actual, abusa da descrición e da argumentación, así como da crítica literaria e plástica, inda que isto sexa un dos seus encantos. Unha novela que troca o argumento pola introspección, o que a converte nun obxecto, tanto de pracer literario coma nun documento testemuñal de ideas, gustos, afeccións e ambientes fin de século. Unha referencia de culto, con gran influencia na narrativa da desesperación e do absurdo que percorre o século XX ata nós.

Un libro moi especial dirixido, sobre todo, a lectores exquisitos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *