O realismo de Xoán Fernández

«Couso II» está exposto no Liceo Marítimo de Ribeira Foto C. QUEIJEIRO
«Couso II» está exposto no Liceo Marítimo de Ribeira Foto C. QUEIJEIRO

Antonio Piñeiro. Calquera que teña algunha vez probado as dificultades técnicas de se achegar ao realismo de Xoán Fernández poderá dicir que nalgún intre do proceso foi consciente de que a meirande dificultade non é a do manexo dos medios, nin dos enfoques, nin dos materiais, nin das mesturas, senón que é unha cuestión de vista. De vista de ollada, non de visión. Velaí un dos eidos nos que se podería falar dunha predisposición, dun talento (na súa forma natural) ao que a certos artistas lles é máis doado chegar. Velaí tamén un factor da escolla da linguaxe persoal, da temática, do ton. Iso, que na pintura xa é complicado, multiplica a dificultade se se trata de debuxo.

Xoán Fernández expón nestes días unha colección dos seus no Liceo Marítimo de Ribeira. Unha exposición, máis aló desa habelencia técnica, chea de significados. Inabarcable neste pouco espazo. Por iso collín coma referencia este Couso II, un conxunto de miolos de pedra que Xoán debuxou quizais coma abraio ou arrepío diante do insondable (as formas caprichosas do cantil galego teñen vida, nome, lenda, son, corpo e ánima), quizais coma reflexión sobre o tempo, quizais coma textura do desconcerto, ou quizais coma idea (misterio) do caos.

Insisto en que tampouco podo, a partir desta primeira análise, abarcar toda a forza alegórica que Xoán nos dá. Quedo con outros tres, agardando que vostedes pasen e vexan o resto. Un, o Retrato de Manuel, eses ollos planetarios nos que o límite cara a fóra sentímolo en nós, pero cara a dentro sentímolo no infinito. Xoán liga iso á imaxe dun raparigo, dun ser que, precisamente sobre ese infinito, medra e dinos que nada remata.

Ou outro retrato: o Autorretrato en Rotterdam, con esa sorte de ollo de vidro castelao e saudoso, con eses brazos cruzados intuíbles (alegórica imaxe da espera), ese tazón de café e esa froita partida pola metade. Todo un conxunto de simbolismos polo que sentimos e recoñecemos esa intelixentísima ollada.

Quérome deter, por último, na percepción do intre, o instante da paisaxe detida e borboriñadora que hai no Arousa. Calquera ribeirán podería describir o momento preciso, o que latexa nesa paisaxe do mar contra o medio día ou a primeira tarde, a paisaxe que cala, que tamén semella agardar, no mar chairego, coma camiñable, do que abrollan, mansos paquidermos, a Insua ou Rúa, os coídos cos que comezabamos.

Precisamente, nesta sala escollida para a mostra (seguro que instintiva ou inconscientemente adrede), no Liceo Marítimo de Ribeira, temos a atalaia privilexiada da visión: a dos ventanais ao peirao e ao mar da Arousa. Pasen, disfruten alí este Couso de Xoán Fernández, e tomen un café nunha das mesas que miran o mar, enriba da Arousa. Os significados e as sensacións chegarán doadamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *