Un barbancés na Gran Sabana (I)

cap 1aAlberto Piñeiro. De non ser pola altitude, superior aos 1.400 metros, a presenza de tribos indíxenas, a ausencia de mámoas e a súa inmensidade, mesmo diría que a Gran Sabana ten unha certa semellanza coas Chans do Barbanza, incluída unha liña de alta tensión que atravesa o territorio ao longo da estrada que percorre a meseta dos pemóns ata Santa Elena de Uairén, cidade próxima á fronteira co Brasil. Foi aí que chegamos tras dous días de aventura por unha terra inhóspita, á que arribamos procedentes de Carúpano, no estado Sucre, logo de partir nos idus de marzo vía Puerto Ordaz, para proseguir pola troncal 10 pasando sucesivamente Upata, Guasipati, El Callao, Tumeremo e Las Claritas, pequena poboación escura, ruidosa e sen lei, cuxa fealdade resalta aínda máis ao ser a porta que antecede á paisaxe selvática, montañosa, brumosa e luminosa que anuncia a Pedra da Virxe, penedo xeneroso en mananciais, no comezo do Bosque Nublado, entrada norte do Parque Nacional Canaima.

Acompañábanme na viaxe Luis e Teodoro, meu sogro e un sobriño seu, grazas aos que coñecín, entre outras moitas cousas, que El Dorado existe, en concreto a non moitos kilómetros de Las Claritas, e que é rico, certamente, en xacementos de ouro e diamantes. Mais como o tempo corría na nosa contra, e posto que para adentrármonos en El Dorado tiñámonos que desviar un chisco da troncal 10, preferimos facer parada a carón da estrada, sobre a ponte vella ou ponte Eiffel que cruza o río Cuyuní, tributario do Esequibo, para estirar as pernas e beber uns grolos de papelón.sabana2 A maxestuosidade daquela estrutura, concibida segundo as narracións locais polo arquitecto da famosa torre parisina do mesmo nome, motivou que preguntase aos meus acompañantes como unha ponte da maneira, tan magnífica, fora erixida xustamente alí, no medio da selva, na segunda metade do século XIX, sen ningunha cidade de mediana importancia a menos de cinco horas en automóbil.

-Conta unha lenda que o barco que a transportaba tiña como destino Perú, país no que a ían erguer –contestou meu sogro-, pero unha avaría provocou que a travesía non se puidese finalizar, e decidiron construíla no lugar do contratempo.

Malia que a lenda deixaba algunhas dúbidas ao respecto da travesía (o Cuyuní morre no Esequibo e este no Océano Atlántico, e non resulta sinxelo imaxinar como un barco podería chegar a Perú remontando o afluente, tendo este as fontes na Gran Sabana, ben lonxe do país andino), resultoume o suficientemente atractiva como para consultar despois documentación referente á súa verosimilitude, nunha investigación que acabaría certificando que, en efecto, se trata dunha lenda verosímil… ou dunha verosimilitude lendaria.

sabana3Mentres fotografaba a ponte e o río dourado, que acadara esa cor máis polos sedimentos que polo ouro que suca as súas augas, fun quen de albiscar unha manada de búfalos que se acaroaban a uns centos de metros. Achegueime paseniño, sen facer barullo, para lograr tres imaxes da manada: na primeira pastaban mansos, tal como os cabalos ou as vacas nas Chans do Barbanza, herba seca nun claro da selva; na segunda xa fixaran en min, de xeito unísono, a súa atención; na terceira, que non ficou gravada senón nas retinas dos meus compañeiros, corrían tralas miñas pegadas, esporeados pola furtiva incursión daquel estranxeiro de aspecto gringo no seu territorio. Subín ao Chevrolet dun chimpo e arrancamos a camioneta a fume de carozo, antes de que a furiosa cornamenta en tropel nos embestise.

2 comentarios en “Un barbancés na Gran Sabana (I)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *