Un modesto poeta na Galicia do século XIX

gil reyRomán Arén. Cúmprense, neste 2015, douscentos anos do nacemento de José María Gil Rey, ocorrido o 26 de maio de 1815 en Santa María do Sar, en Compostela, pero fóra de portas. Licenciado en Medicina, foi algo máis ca un médico, xa que manifestou interese pola filosofía, pola agricultura, pola química e pola poesía. Pero a súa memoria segue viva por ter sido o fundador do primeiro xornal ilustrado de Galicia en 1838 (a prensa galega “nace” en 1800), o <Semanario Instructivo>, que cumpriu un importante papel no abrente da arte romántica galega, pois nese semanario apareceron os debuxos do seu irmán Ramón Gil, a verdadeira orixe da escola paisaxística galega, co seu interese romántico polas paisaxes pintorescas ou ruinosas. José María Gil publicou tamén traballos históricos, moi na liña romántica de Neira de Mosquera, entre os que destaca “Recuerdos históricos de Santiago”, publicado en 1842 en <El Arpa del Creyente>. Alberto Vilanova lembrou tamén os seus traballos sobre agricultura na <Revista de Galicia> e sobre química en <La Aurora de Galicia>.

Pero José María Gil foi poeta en lingua galega en tempos facareños, pois, falecido en 1853, pertence ao que adoitamos chamar a época dos Precursores ou Pre-Rexurdimento. Aínda non chegaran nin Rosalía nin Pondal, Pintos está nos comezos e non teñen modelo literario no que basearse, é a literatura española o seu referente e o pobo o seu mestre lingüístico. Por iso escribía Carbala Calero que “todo escritor galego anterior á pubricación dos Cantares rosaliáns, por moi humilde que sexa, merez algunha atención, dada a etapa inicial que daquela atravesava a literatura galega”. Está xustificado pois que lembremos a súa obra, malia a modestia da súa aportación ás nosas letras: os poemas “O cogollo” e “A cita”, xa que, Carballo dixit, “niste primeiro renacimento, todo ensaio é digno de consideración, inda que en moitos casos careza de valor artístico propiamente dito”. E meu dito, meu feito, e Carballo vai cualificar despectivamente os dous poemas de Gil Rey, que foran recolleitos por Antonio de la Iglesia no Álbum de la Caridad (1862). Do primeiro, “A cita”, dinos que é unha “vulgar canción de rondador”, e da seungda, “O cogollo”, conclúe que “non val máis”. Iso si, lembra que o esquema métrico no que están escritos os octosílabos de Gil Rey non é moi usual (abcabc).

Pouco, ou nada, sabemos de moitos dos precursores de Rosalía, pero é emocionante percibir como loitan cunha lingua, que non sempre dominan, que perdera o uso literario e como abren camiños que outros seguirán con máis acerto. Non entraron na terra prometida, pero o seu peregrinar foi necesario para que outros chegasen a ela. Castelanismos, vulgarismos, interferencias, hiperenxebrismos… e pequenos acertos, léxico case perdido, amor a unha lingua que quere gañar de novo o seu lugar entre as linguas cultas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *