Cigania

cigania2Agustín Agra. Este pasado verán percorrín Polonia cun coche alugado. A viaxe levoume ata Tarnow, unha pequena cidade de trazado medieval próxima á Ucraína. Alí atopeime cunha pequena exposición -apenas cinco salas e un patio con outros tantos carromatos- que, nun primeiro intre, non me pareceu máis ca unha simple curiosidade: un museo dedicado aos ciganos; o único dedicado a esta etnia en toda Europa! As novas sobre os ciganos aparecen acotío nos xornais; ora en Suecia, ora en Hungría; tamén en España. Ao pouco da miña volta, milleiros de estudantes franceses saíron á rúa na defensa de Leonarda Dibrani, unha rapaza de quince anos deportada xunto a toda a súa familia a Mitrovica, no Kosovo, malia que só un dos oito -o pai- procedera dese lugar e saíra de alí, fuxindo das guerras dos Balcáns, en 1986. Os demais -a nai e os irmáns-, aínda sendo europeos -naceron en Italia- carecen non só de pasaporte senón dos dereitos máis básicos.

O horror comezou en Chelmno; un Campo de exterminio próximo a esta pequena vila polaca na que 5.000 ciganos procedentes do gueto de Lodz ostentan para a historia a triste honra de figurar entre os primeiros gaseados. Porén, aquel non foi máis ca outro chanzo nunha historia que xa acada os mil anos -un milleiro de anos inzados de guetos e pogroms-. cigania3O holocausto -porrajmos en caló- no que foron exterminados 800.000 ciganos non é o único lugar común que atopo cos xudeus. Ao ler os carteis explicativos, tanto os deste museo como os dos campos de exterminio que visito no camiño, decátome de que máis de 70 anos despois do seu intento de eliminación séguese a falar deles nos mesmos termos: son sempre ciganos e xudeus; nunca polacos, húngaros, alemáns, rusos ou de calquera outra nacionalidade. Aínda hogano son apátridas, cidadáns sen nación, co sinal de identidade marcado por unha relixión ou unha etnia.

Cando lle pregunto á encargada do museo pola autoría dos cadros dunha sala de exposición anexa, se foron tamén feitos por ciganos, contéstame cun sorriso condescendente nos beizos. Of course, not! As pinturas son obra de polacos, non de ciganos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *