Dous vellos discos fan anos este Nadal

Rubber_SoulGonzalo Trasbach. Hai un libro titulado 1965: The most revolutionary year in music, no que o seu autor, o californiano Andrew Grant Jackson, sostén que 1965 foi o ano no que a música pop acadou a súa maioría de idade. Non sei se isto é ou non certo. Pero cónstanos que nese ano saíron á luz un bo puñado de discos memorábeis. De dous deles xa temos falado aquí: Highway 61 Revisited, de Bob Dylan, e A Love Supreme, de John Coltrane. Pero agora que está a punto de caer a última folla do calendario, lémbrome de que o 3 de decembro daquel mesmo ano publicouse Rubber Soul dos Beatles, un traballo que marcou un punto de inflexión na carreira do cuarteto de Liverpool, pois as 12 cancións do repertorio conforman un álbum sólido, anovador e fresco, e constitúe unha ponte entre o máis puro pop de Help! e o período experimental, que se inaugurou co mítico Revolver. Tamén lembro que unha década máis tarde, o 13 de decembro de 1975, apareceu na escena internacional unha muller fraca e singular cun dos discos máis turbadores e fabulosos da música popular baixo os seus delgados brazos. Referímonos a Patti Smith (Chicago, 30/12/46) e a súa ópera prima Horses, que fai 40 anos, uns poucos días antes de que a autora abrace os 69.

Producido por John Cale, aquela estrea de Patti, desde Gloria (In Excelsis Deo) (Van Morrison) até Elegie, é coma un conxuro de rock purificador interpretado por unha sacerdotisa que aínda agora conxuga o arrebato xuvenil coa serenidade da experiencia. Así o demostrou o pasado mes de maio no Primavera Sound de Barcelona, onde, segundo relataron as crónicas, amosouse coma un estandarte a un modo de entender a arte e o rock. Non defraudou a ninguén. Coma sempre utilizou un repertorio no que todo é óso, madeira, no que non hai nada intranscendente. A súa expresividade non ten desperdicio.

horsesDesde Horses, a Smith porta a coroa de musa do punk. Pero arestora falan dela como avoa do punk. Mais este adxectivo nela nada ten de semellante co chuspir e o escándalo británico de Johnny Rotten. No punk de Patti, ademais do paisaxe social, conta o existencial, o desasosego e o desarraigo, a rabia metódica propia da mocidade e unha vertente poética propia. Ela non era de andar pintando anagramas nas paredes ou rompendo cristais. O seu era e é a arte. Escuálida, andróxina, pasional e, ademais, aseguraba padecer arrebatos místicos. Gustaba da poesía de Baudelaire e Rimbaud e adoraba a Jean-Luc Godard, The Doors e Bob Dylan.

Cando gravou Horses tiña 25 anos. Aterrara en Nova York logo de doar un fillo froito dun embarazo non desexado. Interpretaba teatro, escribía artigos sobre rock e daba recitais poéticos. A súa evolución corría a cargo do seu seguimento dos Rolling e da Velvet. Empregou a súa bagaxe cultural e unhas cantas nocións musicais para canalizar o seu talento expresivo nun debut de inusitada madurez: Horses, un inspirado volume de rock cheo de subidas e baixadas, un traballo que mestura momentos de paroxismo eléctrico con cadenciosos e delicados intres de piano. Á vez que tamén é un compendio de narracións descarnadas. Á construción do álbum, ademais de Cale, contribuíron Tom Verlaine e Allen Lanier, aportando guitarras, e Robert MappleThorpe fotografou a Patti na portada. Pero foi o grupo dela (Richard Shol, Lenny Kaye, Ivan Kral e Jay Dee Dangherty) o encargado de tecer as redes musicais, convertido nunha máquina perfectamente engraxada que se acompasaba á interpretación da vocalista e ofrecía furiosas pasaxes de rock visceral.

patti smith 2Ata Patti Smith a escena roqueira era case totalmente masculina. Había homes que se vestían coma putas ou se travestían. Pero seguían a ser homes. Ela plantoulle cara a tanto macho mono temático cos mesmos recursos. Extraeu das súas menstruacións e os seus complexos de inferioridade a expresión pura da rabia e puxo sobre o micro o seu desgarro relixioso e reivindicou a liberdade coma un feito único. Por iso Horses é tamén un disco único. Nunca antes o rock tiña soado tan poderoso e fráxil á vez, tan contundente e lírico. O álbum inaugurou a carreira que a artista desenvolveu en dúas etapas moi diferentes: a inmediata a este debut (e tres LPs máis) e o seu regreso nos noventa. No medio fican un retiro doméstico e un tropezón discográfico.

Si. Infectado de mexos e ateigado de xiringas, Horses representa unha das vertentes máis sinceras da arte urbana. Naceu nas marxes e medrou no medio do lixo, da vasoira. Talvez por iso é tan fermoso. Que os dous discos nomeados aquí vos axuden a pasar mellor estas festas. Bo Nadal.

2 comentarios en “Dous vellos discos fan anos este Nadal

  1. Fantástica achega. Un forte abrazo, Gonzalo. Estaba, con moi poucos anos, co meu amigo José Ángel García (non sei del hai moito tempo, íamos en quinto da EXB) e levar esa gadoupada de son que me fixo de sócato cavilar que tamén había un mundo audible. Estabamos no patio traseiro do Grupo. Que é iso? -preguntei-. Chámase “Think for yourself” -dixo alguén que agora non recordo-. José Ángel era máis de Dylan. Creo que foi uns días despois cando mercamos xuntos o LP no que viña “Maggie`s farm”, no establecemento que había na esquina do cruce de Padín, e ambas cancións quedaron coma dúas desas marcas de lume e tempo que constitúen a armadura da persoa e o impo daqueles anos, 65, 66, 67, 68, 69, 70, 71, 72, aos que con tanta razón e emoción lle fas recordo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *