En nome dun Deus contraditorio

relixion1X. Ricardo Losada. Moito recordo estes días, tras os atentados de París, e os innumerables artigos que levo lido, os meus anos de instituto. Anos setenta, España abríase á democracia, e os profesores máis progresistas cambiáronnos completamente o discurso. Prognosticaban que a relixión, iso que (des)orientara as nosas curtas vidas, acabaría desaparecendo co avance da ciencia, ou como dicía Marx, coa eliminación das clases sociais. Corenta anos despois podemos testemuñar o fracaso máis estrepitoso desas predicións. Sexa ou non unha guerra de relixión o que estamos vivindo, ninguén pode negar que a relixión xoga no mundo actual un papel decisivo, tanto polo número de fieis como pola incidencia na vida diaria de miles de millóns de persoas. Europa quizais sexa unha excepción, pero máis relativa do que adoita pensarse. Moitos dos seus países eran ata hai pouco comunistas e ateos, e agora mesmo en Rusia a Igrexa ten un papel cada vez máis relevante. Para máis, se Turquía entra na Comunidade Europea, compartiremos cidadanía con 80 millóns de musulmáns e, como consecuencia, é previsible un efecto rebote. Aumentará a presenza do cristianismo.

      É tal esa influencia, que a relixión mesmo conseguiu delimitar (penso nas caricaturas de Mahoma) o territorio de debate co laicismo. Só quixera constatar aquí un dos aspectos desa trampa na que están caendo os países democráticos. Dicir que cristianismo e islamismo non son relixións violentas. relixion2Chega con ler os seus libros sagrados para saber que promoven tanto a violencia como a paz. O Corán di: “Se pos a man sobre min para matarme, eu non vou poñela sobre ti, porque temo a Alá, Señor do Universo”, pero tamén: “Que non crean os infieis que van escapar. Non poderán! Preparade contra eles toda a forza, toda a cabalería…”. Di: “Combatede por Alá (…) pero non vos excedades; Alá non ama os que se exceden”. Pero tamén: “Matade os idólatras onde queira que os atopedes; capturádeos, asediádeos, tendédelles emboscadas por todas partes”. A Biblia di: “Amarás os demais como a ti mesmo”, pero tamén: “Non perdoes; mata a homes, mulleres e nenos, incluídos os de peito”. Xesús di que se che pegan nunha meixela, poñas a outra, pero tamén que “non vin pór paz sobre a terra, senón espada”. É comprensible que as persoas relixiosas moderadas intenten eludir esas pasaxes violentas tan difíciles de entender nas sociedades modernas actuais, pero non o fan só porque impliquen apoloxía da violencia, senón porque lles sería moi difícil explicar por que un mesmo libro, inspirado por un único Deus, se contradí de forma tan flagrante. En pura lóxica terían que recoñecer que ese Deus non ten un criterio claro, ou, e isto xa sería máis inaudito, que eses libros foron escritos por seres humanos diferentes en épocas moi distintas, sen ningún tipo de inspiración divina, e de aí as contradicións.

 relixion3    Contáronme hai pouco unha anécdota. Un home foi á igrexa falar co crego e, mentres falaban, o fillo pequeno colleu unha hostia dun cáliz. O crego viuno e díxolle: “Neno, caca”. O pai do neno, un home moi piadoso, reprochoulle ao crego que lle chamase caca á hostia. O crego mirouno enfadado e díxolle: “E logo que quere, que lle explique a Transubstanciación ou o Misterio da Santísima Trindade”. É tempo e hora de que as relixións falen claro e lles chamen ás cousas polo seu nome, e que se deixen de malabarismos teolóxicos ou de simplezas reducionistas de natureza claramente opiácea. Unha de dúas: ou aceptan que os libros sagrados foron escritos por seres humanos ou deben explicarlles (con claridade) aos fieis máis extremistas por que as pasaxes pacifistas son maná e as violentas, caca. Vailles ser bastante máis difícil que explicarlles a nenos de catro anos o misterio da Santísima Trindade, pero é o territorio que unha democracia debe esixirlle á relixión para enfocar un problema tan grave. Eu non coincido con Marx. Creo que as relixións non desaparecerán. Pero, precisamente por iso, é necesario que aproveiten, dunha vez por todas, o enorme potencial ético e espiritual que levan dentro, e se dean conta que o crego da anécdota estaba equivocado. É máis fácil que un neno entenda os misterios da Transubstanciación e a Santísima Trindade que un adulto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *