O sosego dun malestar

profesor-alumnoX. Ricardo Losada. Entre os meus recordos máis prezados están os momentos nos que oín por primeira vez ideas que me romperon completamente os esquemas de adolescente ou de universitario. Adoito dividilas en dous tipos: aquelas coas que  estaba de acordo, e aquelas coas que non. O curioso é que sempre aprendín máis das últimas. É unha das razóns de que Nietzsche e Schopenhauer sexan dous dos meus filósofos de cabeceira. Coincido moi pouco coas súas propostas pero ensináronme moitísimas cousas sobre o ser humano. Schopenhauer, por exemplo, que o amor de nai é un amor egoísta ou que a natureza privilexia a especie sobre o individuo (eu impórtolle un carallo!); Nietzsche, iso tan falso pero tan preciso de que cada instante da túa vida é decisivo porque concentra todo o pasado e proxecta todo o futuro, ou iso tan impreciso pero tan verdadeiro de que todo o que se fai por amor faise máis alá do ben e do mal.

Xa que logo considero que unha das funcións básicas da educación é romperlles os esquemas aos alumnos. Deben coñecer formas de vivir e pensar completamente distintas á súa, pero non para expoñelas nun folio con aspiracións de nota, senón para que aprendan a vivir cun conflito interior, con múltiples incertezas e dúbidas, que só eles, coa súa experiencia lectora e vital, deben ordenar. Pasar do caos mental a un cosmos mental sempre inestable, ese é o obxectivo da educación, non pasar do cosmos familiar ao cosmos profesoral e ao cosmos social. Os alumnos deben aprender a valorar o distinto, o monstruoso, o diverxente. Todas as grandes ideas da humanidade tiveron ese rango. Hoxe considerámolas de sentido común (democracia, heliocentrismo, igualdade de xénero, evolución) pero nas súas épocas foron ideas monstruosas.

hamburguesaUnha desas ideas que a min me sorprendeu de mozo e coa que agora intento sorprender os alumnos é de Schopenhauer: a felicidade e o pracer non son máis que o sosego dun malestar. Sentimos pracer cando comemos un filete, non porque nos guste, senón porque temos fame. O outro día expliquéillelo a uns alumnos de 1º de bacharelato e a súa primeira reacción foi mirarme con cara de outra filosofada máis, ao fin e ao cabo gústanlles máis as hamburguesas que os filetes, e iso xa rexeita a teoría de Schopenhauer. Como despois desa clase viña o recreo, pregunteilles se ían disfrutalo en si mesmo, por facer cousas que realmente lles apetecía facer, ou simplemente porque non estaban en clase. Captaron de inmediato que, cando menos nese caso, Schopenhauer tiña razón. O recreo non ten valor en si mesmo, e é ao máximo que aspiran na maior parte dos días dos mellores anos da súa vida. Nese momento tocou o timbre e antes de que fosen sosegar o malestar da miña clase, púxenlles como tarefa obrigatoria (que non terían que entregar, era para eles) facer unha relación dos momentos da súa vida que teñen valor en si mesmos. Eu fixéraa aos 17 anos sen que me mandara ninguén, e aprendín tanto sobre min e sobre os demais, que conseguín aumentar os momentos felices da miña vida que non son simples sosegos dun malestar.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *