Regreso a Itaca, de Laurent Cantet

regresoXerardo AgraFoxo. A película conta o reencontro de cinco persoas nunha azotea da Habana. Amadeo, un escritor que leva exiliado 16 anos en España, é o promotor desta iniciativa. Con el está un grupo de amigos que roldan a cincuentena: Rafa, un pintor fracasado por culpa do réxime; Aldo, un enxeñeiro negro que vive arranxando baterías con material roubado; Tania, oftalmóloga que sofre a marcha dos seus fillos a Miami e sobrevive grazas á xenerosidade dos seus pacientes, e Eddy, ao que mellor lle vai –aparentemente– porque soubo adaptarse aos postulados do sistema. Dende o miradoiro que albisca a baía da capital e un arrabalde vedado a olladas alleas, todo semella alegría e felicidade ata que comezan a lembrar certos episodios das súas vidas.

regreso2Deste xeito, Regreso a Itaca (2014), baseada en La novela de mi vida, unha obra de Leonardo Padura, convértese nun retrato fiel dun país ateigado de contradicións. Grazas á habilidade narrativa de Laurent Cantet (La clase, 2008) coñecemos os problemas que asexan a estes cinco amigos que, mentres mostran abertamente a amizade e o afecto que os une, tamén denuncian o desengano que sufriron cando un sistema, que nos metió el miedo en la sangre, os sinala polas súas actitudes políticas e as súas condutas profesionais. Así, mentres respiran e discuten, mentres semella que estamos nun teatro sen espectadores, vai aflorando con naturalidade o que nunca se quere confesar publicamente: o seu desengano e a súa amargura.

Malia que a película se rodou nos escenarios naturais da Habana, aínda non recibiu o filtro da censura cubana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *