Choqueiros, choqueiras e viceversa

baño1X. Ricardo Losada. Unha das polémicas máis recorrentes da miña vida tívena en bares. Tres da mañá, noite de copas, moitísimas ganas de mexar. Vas ao baño, o de homes está ocupado, e mentres agardas abórdate a idea de mexar no baño (libre) de mulleres. Descártalo porque o anxo da boa conciencia recórdache que por designio de Deus, que non fai nada en van, elas mexan sentadas e ti de pé, e se normalmente mexas un 10% por fóra, con aquela chea… Pero pasa o tempo, a porta viril segue pechada a cal e canto, e cando a vexiga aperta, a moralidade afrouxa. Entras no baño prohibido xurándolle á virxe María mexar sentado, pero xa non che dá tempo a unha manobra tan ampla, e entre un 40 e un 50% da micción confirma a túa pésima puntería mamado. Rezas para que non haxa ningunha muller fóra, sabendo que é pedirlle un imposible ao don feminino da oportunidade, e cando saes recibes tantos improperios, que chegas á barra irritado e disposto a suscitar ese teu vello debate. Non sería mellor só un baño? Por que un para homes e outro para mulleres? En que século vivimos? Saído, crápula, reprimido, é o único que consegues que che digan.

     Pero esa incomprensión nunca me desanimou porque sabía (son profe de filo) que o racional, como diría Hegel, sempre acaba por facerse real. E este caso, pola súa importancia en relación aos dereitos humanos e a igualdade de xénero, non podía quedar atrás. Tardou, é certo, pero aí está. Unha escola de primaria de San Francisco acaba de implantar o baño único. Desde o 12 de xaneiro todos os bares, restaurantes e lugares públicos desa cidade teñen a obriga de ter un só WC, de tal xeito que as persoas non teñan que definir o xénero publicamente ao escoller unha porta. baño2E non só por iso. Con esa medida, tamén se evita discriminar outras identidades sexuais distintas dese maniqueo home/muller ao que nos condenan as portas dos váteres. Ou esas ridículas escenas nas que un pai vai ao baño coa nena, ou o neno coa nai, e non saben en cal deben entrar. Exactamente os inconvenientes que eu levo décadas intentando evitar predicando no deserto.

     Recibín esa noticia expectante pois sei que todo o que comeza en EEUU acaba chegando a Europa. Tanto levo aguantado que risen de min, e agora tiña a validación, nada máis e nada menos, que da progresista cidade de San Francisco. Era para saltar de alegría pero, que lle vou facer, son deses tipos que alí onde ven luz, buscan sombra. O día seguinte comezaba o Entroido e recordei que, como a case todos os homes, encántame disfrazarme de muller. E que non o fago porque crea ter unhas pernas bonitas ou un tipo que lucir, senón por pura transgresión. En canto poño tacóns e tetas e maquillaxe na cara, non é que me considere unha muller, pero considérome un home disfrazado de muller e en consecuencia actúo. Mexo no baño das mulleres (disfrace manda), pero de pé (natureza obriga) e absolutamente indiferente a como me reciban ao saír. E agora, decatábame de súpeto, a idea do váter único chafaríamo. Para que ía disfrazarme de muller (onde estaría a transgresión?) se só hai un baño, e está permitido mexar sentado e de pé.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *