A esfinxe da vide

verme
A larva acada o tamaño dun cacahuete. Foto: Xoán Pastor Rodríguez

Xulio Gutiérrez. Na natureza, como noutros ámbitos da vida, atopamos individuos que agochan a súa verdadeira condición para aparentar seren o que non son. Para algúns animais o engano é unha cuestión de vida ou morte.A esfinxe da vide (Hippotion celerio) é unha pequena couza crepuscular que se alimenta de plantas como a que lle dá nome. Non é unha praga, máis ben o contrario, pois compensa con creces as follas que engule co seu importante labor de polinización.

Déixase ver no envés das follas, indiferente a quen a observa, mentres come con parsimonia e sen pausa: a gula é virtude nestes animaliños que deben multiplicar o seu peso en poucas semanas. A partir dun minúsculo ovo, a larva medra ata acadar o tamaño dun cacahuete (foto 1).

Pose defensiva

Se ousamos molestala, ergue a caluga con indisimulado fastío, curva o lombo, e adopta unha pose como de esfinxe (de aí o seu nome). Ao tempo, dilata os falsos ollos de vivas cores que adornan a súa caluga, e arremeda a cabeza dunha pequena cobra. Esta argucia pode salvarlle a vida ante o ataque dun rato apoucado ou dun paxaro covarde.

Cando está suficientemente gorda, reclúese nun casulo quitinoso e afronta un dos procesos máis extraordinarios do reino animal: a metamorfose. Transo do que sae convertido, como un diminuto Gregor Samsa, nun ser completamente diferente.

A transición é complicada, para despregar as ás ten que bombear sangue a alta presión nos nervios que as sustentan. O mínimo erro dará lugar a unha ala deformada que pode incapacitalo para voar. Pero o premio é considerable. Abandonará a vida reptante de verme e sairá voando á conquista do ceo (foto 2).

Voadora magnífica

A esfinxe déixase ver no envés das follas Foto Xoán Pastor Rodríguez
A esfinxe déixase ver no envés das follas Foto Xoán Pastor Rodríguez

A esfinxe é unha voadora magnífica, capaz de deterse no aire como un colibrí para libar coa súa longuísima lingua o néctar que desprenden certas flores, como as azucenas e os chuchameles. É quen de ulir estas flores desde quilómetros de distancia mediante os receptores olfactivos que posúe nas antenas.

A odisea da esfinxe da vide non acaba máis que comezar. En canto se sente con forzas, o seu instinto empúxaa a emprender unha etapa da gran viaxe que iniciaron os seus pais e continuarán os seus descendentes e a levará a centos de quilómetros do lugar onde naceu. A península Ibérica é unha etapa da travesía interxeneracional que leva a estas bolboretas a pasar o verán en Europa central e o inverno en África, aínda que ás veces, cando as temperaturas son mornas, invernan entre nós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *