Un día perfecto

duchaX. Ricardo Losada. Madrugar. Mexar con fluidez. Mirarte ao espello, chiscarte o ollo e gozar de que o tempo aínda pase. Ducharte en auga fría e notar que nun instante milagroso a somnolencia deixa paso á lucidez. Pór roupa interior que a pel agradece limpa. Acomodarte no estudo e escribir ao ditado do somnámbulo que vive en ti. Saír á rúa e, faga o tempo que faga, sentirte animista. Camiñar cara ao instituto desexando explicar filosofías centenarias con recursos que ti ideaches para que os alumnos as vivan en primeira persoa. Sentir que o inanimado te recibe co ánimo de sempre. Saudar aos habituais, firmes no seu posto de traballo. Ler a prensa tomando ese café que impide deprimirte. Responder algunha pregunta dun alumno que quere saber máis.

     Comer en familia, máis preocupado dos tons da conversa que dos manxares. Ignorar o proceso dixestivo máis alá da boca, e volver concentrarte nel cagando con fluidez. Cepillar os dentes cun sorriso natural. Durmir unha sesta de vinte minutos para espertar tan renovado como pola mañá. Converter as experiencias da memoria en frases claras e sinxelas, con pingas de humor. Ler un libro desexando telo escrito ti. ducha2Correr pola praia, pesarte satisfeito de ser un coqueto cincuentón e ducharte orgulloso de merecer a ducha. Ver o telexornal coa imperturbabilidade dun estoico e a indignación do mozo Platón. Oír abrir a porta da casa, e saber que chega quen debe chegar.

     Cear como de universitario: bocadillo de chacina, iogur natural con arandos, e uns barquillos de vainilla que saben a nenez. Ver unha película de Lubitsch e, ao acabar, agradecer que non soara o teléfono. Que a túa familia e os teus amigos seguen no lugar do universo que lles corresponde, tan preto de ti. Mirarte ao espello, chiscarte o ollo e gozar de que o tempo aínda pase. Meterte na cama, notar que o corpo quere o que ten que querer, e que o corpo da túa muller tamén quere. Pasar da éxtase ao sono concentrado en ti mesmo, recordando ese detalle imprevisto e especial que, se estás atento, trae cada día. Durmir sabendo que che apetece durmir e, sobre todo, espertar.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *