Tralos pasos de Alexander Von Humboldt (VI)

Humboldt 6aAlberto Piñeiro. Nada mellor que reemprender unha viaxe facéndoo despois de bicar á muller á que amas. Dentro do automóbil, os seus ollos esmeralda fundíanse coa paisaxe tralo cristal das fiestras no tramo que faltaba ata Cumanacoa, e o seu cabelo dourado alumaba no atardecer como as flores do araguaney no mes de marzo. Unhas nubes miúdas pero cargadas saían ao paso por Los Dos Ríos, permitindo o endez dun arco da vella sobre as montañas desbordardas de verde, algunha delas tan xeométrica que levaba a soñar coa descuberta dunha pirámide baixo a capa vexetal. Deixamos pouco despois San Salvador á marxe dereita e a entrada ao casarío de San Lorenzo á esquerda. Cruzamos outra vez o Manzanares, o río que morrerá en Cumaná, e arribamos a Cumanacoa.

A pequena cidade era un fervello de animación. Quizais se celebraba algunha festividade local, quizais os seus habitantes aproveitaban o remate da xornada laboral para encher de ledicia, música, Polar light e motorizados as rúas, ou quizais simplemente os cumanacoenses son así. De tratarse do primeiro suposto, serían numerosas as posibles efemérides, pois a longa historia da cidade é rica en acontecementos, algúns deles de certo convulsos, como os enfrontamentos entre o clero, as tribos indíxenas, os encomendeiros e as autoridades no mesmo xerme da súa fundación, na segunda metade do século XVI. Cando Humboldt a visitou, en setembro de 1799, Cumanacoa superara xa o seu bicentenario, o que a converte nunha das poboacións máis vetustas de Venezuela.

Tan axitado foi o pasado de Cumanacoa, que aínda no século XVIII, concretamente en 1717, a Historia de la Nueva Andalucía de Fray Antonio Caulín reflicte unha nova refundación da cidade:

“(…) Pusieron su primer asiento en el valle de Turimiquire, donde hoy está el pueblo de San Lorenzo, y hechas sus buenas haciendas de cacao con el auxilio y ayuda que les daban los encomenderos, proveyéndoles de indios para la labor de sus tierras, fabricaron sus casas a orillas del río Cumanacoa, poco distante de la orqueta que forma el río de Cumaná con el de Aricagua, diez leguas al sur-sureste de aquella capital. Fabricado el competente número de casas para el título de ciudad, se le impuso el de San Baltasar de los Arias por su primer fundador, Benito Arias Montano, y hoy es conocida por el nombre de Cumanacoa, que tiene el valle en que está fundada.”

Atravesamos a cidade sen ver moito máis que a Igrexa de San Baltasar de los Arias, de estilo colonial só no primeiro corpo das torres e na fachada, rematándose o resto do edificio na segunda metade do século XIX, e restaurándose integramente no ano 1966. Fóra da nosa axenda ficaron a Casa Guipuzcoana, sede do poder municipal, o Museo Pietrini e a Biblioteca Pública “José Gibbs Cañas”. Tampouco achamos tempo de pescudar vestixios da produción de papelón, ron e tabaco, industrias hoxe en día substituídas pola da cana de azucre, da que é asento a “Sultana del Valle Dulce de Oriente”, como é alcumada Cumanacoa, que, mutatis mutandis, de xeito análogo ao que ocorre con Sarreaus, que semella alude a unha emigración dende Sarria, significa en lingua cumanagota “xente de Cumaná”, malia que en uainimanense e chaima se traduza por “terra onde nacen os feixóns”.

Humboldt 6bA partir de Cumanacoa, o río Manzanares acompañounos ao longo dos máis de cincuenta kilómetros que nos separaban de Cumaná, a onde chegamos de noite. Sen marxe a detérmonos esta vez na “Atenas venezolana”, puxemos rumbo a Anzoátegui pola autoestrada Antonio José de Sucre, regresando por Barbacoas, Yaguaracual, Santa Fé, Playa Colorada, Playa Arapito, Cumbres de Guatamare, Conoma, Barranquín e Guanta, que se conecta con Puerto La Cruz mediante a urbanización Guaraguao, onde se acha a segunda refinaría máis importante da mancomunidade de municipios Guanta-Puerto La Cruz-Lechería-Barcelona, sendo a primeira a José Antonio Anzoátegui, nos arrabaldes da capital.

Cansos pero con cóxegas no estómago, concluímos que o mellor era non perder tempo en cociñar e cear pizza dunha vez nun dos locais pertencentes a unha das empresas do holding no que eu traballaba. Fixéramos só unha parte miúda da expedición do barón alemán, pero tiñamos ben preto un destino tamén gozado por el, así que, sen baixar sequera a equipaxe no apartamento, tan pronto rematamos as veggies e as margaritas, conducimos o automóbil ata o cumio do cerro El Morro, nomeado Humboldt na honra do sabio explorador, e dende alí, coas luces iluminando a baía de Pozuelos, contenplamos exhaustos a mesma panorámica que na súa aventura observou a finais do século XVIII Alexander von Humboldt. Pechei os ollos, respirei profundo e alí estaban diante de min Boiro, Cabo da Cruz, Escarabote, A Pobra do Caramiñal, Palmeira, Ribeira, Corrubedo, a Illa da Arousa, a Illa de Rúa, Rianxo, Vilanova, Vilagarcía, O Grove, a Illa de Sálvora,… dende o mirador da Curota.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *