Unha litoteca na rúa

Palabras. Litoteca na ruaJose Lires. Algunha que outra vez o amigo e profesor Agustín Agra faloume de percorrer a nosa vila, Noia, describindo as rochas que tapizan as súas rúas e revisten as fachadas das vivendas. Unha litoteca fóra do laboratorio para experimentar cos materiais e figurar procesos xeolóxicos. Hoxe, cando me atopo con el cerca da súa casa, invítoo a compartir a pretendida andaina. Iniciamos a xeira con moitos conceptos previos aprendidos, e co ánimo de reconstruír unha historia onde o tempo se conta en millóns de anos, e o espazo transmútase vertixinosamente ensarillando a realidade con plausibles escenarios primixenios. Observar, interpretar, ¿imaxinar?

As primeiras pedras que pisamos non son un misterio para nós. Estamos afeitos a sentir a calor que desprenden no verán, ulir o seu aroma tras unha treboada e, nalgunha liorta de nenos, temos verificado a súa dureza. Mais agora retrocedemos á súa orixe, ata aqueles momentos nos que uns continentes en colisión provocaban o levantamento de cadeas montañosas tan altas coma os Himalaias. Elevacións que a implacable erosión, ao longo de millóns de anos, se encargaría de rebaixar esaxeradamente ata debuxar a actual paisaxe galega. Camiñamos sobre os granitos que se solidificaban no interior da codia terrestre para conformar o núcleo, o corazón daquelas montañas paleozoicas.

Case como reproducindo un contexto xeolóxico ideal o deseñador da praza decidiu colocar, a carón do granito, un mosaico de lastras de xisto. Trasladando a realidade ao noso particular Xénese, visualizamos aquel magma infernal en ascenso atravesando e engulindo estratos rochosos. As presións extremas e a temperatura foron quen de transformar os materiais preexistentes nos xistos que continúan a beirarrúa granítica. Falamos de metamorfismo. Pero, ademais, neste pantagruélico banquete recoñecemos indicios dunha mala dixestión dentro da cámara magmática. Son os xenolitos, restos de rochas reticentes a seren dixeridas e que se presentan agora como parches de composición allea ao granito que os contén.

E chegamos á remodelada rúa do Curro. Alí, ante tal marfallada de materiais pétreos, non me queda máis remedio que apelar a toda unha sorte de fenómenos tectónicos e petrolóxicos para xustificar a disposición e as tipoloxías variadas das lousas no pavimento. Unha mestura da natureza ígnea do país na que tamén teñen cabida as exóticas larvikitas norueguesas cos seus inconfundibles minerais iridescentes. Ademais, sorpréndeme atopar aquí rochas carbonatadas, o cal dáme pé a falar de extintos mares que cubrían estas latitudes e onde se foron acumulando os sedimentos que derivaron nestas calcarias. Celebramos a aparición de fósiles de gasterópodos e bivalvos nas laxes, que apuntalan a orixe mariña do substrato. Xa daquela había berberechos! Explícolle que esas calcarias, de cor avermellada, pronto comezarán a sufrir un travestismo mineral por mor da intrusión do granito próximo aos soportais. De novo a temperatura, a presión, o tempo…

Despedímonos, mais fico rumiando se non imaxinaría en exceso. Pero así che somos os xeólogos: atrevidos, apaixonados, e un pouco ilusionistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *