O can que se chamaba Chiste

EINSTEIN_RIENDOX. Ricardo Losada. Un dos recordos máis intensos da miña nenez ten que ver cun chiste: Había unha vez un can que se chamaba Chiste, morreu o can e acabou o Chiste. Tíñalle un cariño especial pero aínda hoxe non sabería dicir se pola graza que me facía ou polo desprezo que lle tiñan os demais. De feito non recordo a primeira vez que o oín, pero si que nunca o contei. Sempre que o contaba alguén era para rir do malo que era, e eu non quería participar daquela vexación a un chiste que non só me parecía marabilloso, senón tamén misterioso. Tomado literalmente era dunha lóxica irrebatible. Porque se ao principio pensei que debería rematar dicindo morreu o can e acabou Chiste, que dixera acabou o Chiste, tampouco lle restaba literalidade. Acaso non diciamos a veces Morreu o Xan en vez de Morreu Xan? Aquel chiste facíame graza pola mesma razón que estas palabras de Mafalda: “É unha frase tan certa que non serve para nada”. Aquel chiste era tan certo que non servía nin para facer graza e, precisamente por iso, facíama.

     Pero o decisivo, o misterioso, xogábase noutro nivel. A graza do chiste non estaba na interpretación literal senón na comparación (oralmente o segundo chiste imaxinábalo en minúscula) entre dous ámbitos completamente distintos, o da realidade (can) e o da linguaxe (chiste). Aquel desprazamento de significado dun can a un chiste en tan poucas palabras parecíalle marabilloso á miña mente infantil. Máis ou menos como un truco de maxia que, con poucos medios, fan ante os teus ollos sen que te decates do que acababa de ocorrer. E con máis sustancia. No truco de maxia non participas ou es, como máximo, un mero axudante guiado polo mago. Contando aquel chiste, ou oíndoo, experimentabas por ti mesmo que un can se convertía en chiste, e que o chiste realmente acababa.

      Aquel chiste devolveume dabondo o cariño que lle tiña anos despois estudando Filosofía. Nunha das primeiras clases o profesor de Lóxica falounos das metalinguaxes, esas linguaxes que se usan non para falar da realidade senón da propia linguaxe. Se eu digo María dixo que onte foi a París, a frase non nos di se María foi realmente a París, senón o que dixo. can rindoEse María dixo é unha metalinguaxe pois está falando sobre outra afirmación lingüística e non sobre a realidade, prestándose así a confusións interpretativas. Non lle faltou nada para levantarme e darlle un bico a aquel profesor. O chiste sobre o can que se chamaba Chiste non era un simple chiste, era un metachiste, un chiste que falaba sobre un chiste, e non sobre un chiste calquera, senón sobre o propio chiste: un autometachiste, poderiamos dicir. É máis: un autometachiste que se suicidaba cunha comparación canina sumamente elegante. Xa non atendín máis a aquel profesor. Pasei toda a clase fantasiando que nunha daquelas marabillosas noites de verán da miña nenez nas que nos sentabamos nos bancos da Ribeira a contar chistes, cando me tocaba a min, dicía con voz profunda: Hoxe vou contar un autometachiste, conseguindo que, por primeira vez na súa vida, ningún dos meus amigos rise do malo que era aquel chiste que contaba a morte simultánea dun can chamado Chiste e, marabilla de marabillas, do propio chiste.

2 comentarios en “O can que se chamaba Chiste

  1. Acabo de leer varios artículos de X. Ricardo Losada y me han fascinado, me parece un escritor fantástico. Sabe divertir al lector con su ironía y fluidez en la narración.
    Largos años a tan enriquecedor inventor de fantasías y realidades.
    Saludos palmeirans

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *