Soledad Penalta. Escultura de noso

soledad

«Palabras precisas para acender un lume» é unha escultura en aceiro corten que forma parte da exposición Nós-Outras

Eme Cartea. É xa un tópico dicir que o posmodernismo, que se inicia nos anos oitenta do século pasado, renuncia ao compromiso dos grandes relatos, a innovación, o progreso e a crítica, propios das vangardas artísticas, e pasa a defender as formas eclécticas, de inspiración industrial e popular que supoñen o debilitamento entre os xéneros e un crecente uso da intertextualidade, visible en colaxes e pastiches de claras resonancias históricas.

Todo artista é produto dun ecosistema que o identifica e define. Soledad Penalta vive o seu propio pathos sometida ao imperio da mutabilidade, das relacións líquidas, do nomadismo cultural, a hibridación estética, o hedonismo formal -e mesmo cromático-, propios das posvangardas coas que, como diría Nietzsche, «o vello volve, pero volve nun lugar novo».

Muller máis de acción ca de contemplación, rebelde e apaixonada, esta artista, habitada pola modestia e o xenio, dispón xa dun estilo de seu, sobre todo nesta súa etapa creativa dos aceiros gravados con plasma. A súa obra acolle imaxes percibidas en hábiles xogos imaxinativos que conxugan sintaxes e texturas xeradoras de singulares discursos.

E nesta composición, Palabras precisas para acender un lume, manexa un rigoroso vocabulario formal que combina, ensambla e confronta transfigurando a realidade, que xera no espectador o sentido da percepción, visual e intelectiva.

Son dez harmónicos haikus, poemas visuais nos que a palabra se incendia e renace en linguas de lume que calan e din por seren fogo e cor entrañada. Palabra que comunica e se abstén. Palabra de aceiro que nos transparenta e intriga. Palabra porosa e hermética, sensual e agraz, que discorre entre formas opostas e á vez solidarias. Palabras que toma prestadas do poeta científico e persa, Khayyam, Omar, e do seu Rubaiyat, profundamente humanistas, escépticas, sabias, nunha invitación -carpe diem et noctem- ao amor e ao pracer.

Obra alegórica, plural, antropocéntrica, seriada e de intensa factura que, por formación e vocación, parece reunir os elementos renacentistas que Spinoza atribuía á Creación: orde, beleza, simplicidade, harmonía e elegancia. Pero, no interior deste mundo harmónico, Soledad Penalta instaura un punto de incertidume que pon a proba a natureza racional e bondadosa do ser humano: aglomeracións tribais, inxustizas desatadas, esforzo perenne e inútil de todos os Sísifos que son e que foron.

Soledad Penalta sabe, con Albert Camus, que «se o mundo fose claro, a arte non existiría». De aí, esta metáfora da vida moderna, alienada, en círculos infernais, alla maniera di Dante, de vicios e guerras e crises migratorias en terras de ninguén, onde o ser humano, dono da palabra, enmudece incomunicado e insolidario. E a arte vén sendo como ese sorriso de neno, con pólvora e magnolias nas mans, que nos evita o suicidio.

Esta entrada foi publicada en Artes plásticas e escultura, Eme Cartea. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>