Frankestein 04155, de Aitor Rei

Frankenstein_04155-504742715-largeAgustín Agra. Que necesario é o cinema!, exclamaba o director de cine Luís Avilés, responsable asemade do Cineclube Liceo de Noia, após o visionado de FRANKENSTEIN 04155, unha película documental na que o protagonista é o accidente do tren Alvia 04155 en Angrois o 24 de xullo de 2013.

81 mortos e máis de 140 feridos. Unha curva, A grandeira, á entrada de Compostela. Un tren de alta velocidade que non era tal. Unhas especificacións técnicas que non se cumprían. Un sistema de seguridade que no estaba operativo. Frankenstein, o nome que lle deu ao tren o persoal de Renfe por estar fabricado con partes doutros trens. A presunta culpabilidade de altos cargos de Adif e Renfe no accidente; a de membros dun goberno por acelerar o proxecto cara a inauguración nas datas previstas; a de membros do goberno seguinte por non tomar cartas no asunto e emendar a desfeita…

Aitor-ReiFuxindo do amarelismo e o sentimentalismo. Apelando non as vísceras senón ao cerebro do espectador, á súa intelixencia: con datos, con documentos, con obxectividade. Argumentado, contrastado, veraz. Reclamando para o caso unha comisión de investigación. Reclamando xustiza para as vítimas, tamén para os responsables. Reclamando a verdade, tantas veces negada, tantas veces silenciada: metro de Valencia, avión de Spanair, Yak 42… O poder: autoritario, desapiadado, humillante coas vítimas.

frankenstein-04155Por veces emotivo, por veces duro. FRANKENSTEIN 04155 non deixou indiferente a ninguén, afirmaba Luís Avilés antes de dar as grazas a Aitor Rei por un traballo tan valente e necesario. Si, Luís, grande a valentía de Aitor Rei, director do documental, no seu pulso co poder, co silencio dos medios, coa censura; grazas polo documental e polo esclarecedor coloquio que mantivo co seu público unha vez rematada a proxección. Que necesario é o cinema!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *