Eu, Álvaro de Campos

alvaro1Fidel Vidal. En Álvaro de Campos (“o mais histèricamente histérico de mim”, di Pessoa) latexa constantemente o anhelo por ser un, un eu:

Eu, eu mesmo…/Eu, cheio de todos os cansaços/(…)/Eu son eu/Eu fico eu/Eu…

A orixe de toda identidade, polo menos na nosa sociedade, nace en primeiro lugar da figura do pai. O acceso á realidade (simbólica) verifícase a través del (Bauer), pois este transmite a liñaxe, o saber, a palabra. Sabemos dos pais, das nais e dos avós de Pessoa (particular importancia ten a súa avoa Dª Dionísia Estrela). Mais é ridículo sentirse orgulloso dos nosos antepasados. Freud propón e prefire ser el mesmo un antepasado, un pai, un avó. “Eu son o meu pai, a miña nai, o meu fillo e eu mesmo”, confirmaba Artaud. Isto supón unha maneira de achegármonos ao concepto do home como ser ensimesmado (reflexivo, metido en si mesmo) no sentido orteguiano, en contra do resto dos animais, sempre alterados (alter, outros) pendentes dos demais e da contorna, é dicir, en constante alerta. Mais é polos outros que nós somos quen somos. O home será si mesmo na medida en que é xuntamente ensimesmidade e outredade.

A Álvaro de Campos, segundo considera Octavio Paz, gustaríalle ser o autor do seu libro. Previo afastamento da casa como un apestado, cando morre o seu pai Pessoa conta cinco anos de idade. Non obstante el lembra ese tempo como unha primeira infancia impregnada de harmonías deliciosas. Así en “Chuva Oblíqua”:

 

            Prossegue a música, e eis a minha infância

                                   (…)

            Pobre velha casa da minha infância perdida!

alvaro2“Estou não só cansado, mas amargurado, e a amargura é incógnita tambem. Estou, de angustiado, à beira de lagrimas -não de lagrimas que se choram, mas que se reprimem, lagrimas de uma doença da alma, que não de uma dôr sensibel.” (Bernardo Soares, Livro do desassossego). A marxinalidade e a soidade forman parte da vida tanto de Pessoa como dos seus heterónimos principais. Esta loucura ficticia, como a define Tabucchi, é unha terapia da soidade. Nas partidas de nacemento de Alberto Caeiro, Álvaro de Campos e Ricardo Reis, redactadas con moita minuciosidade, bótase en falta calquera tipo de compañía, familiar ou sentimental. A falta, sempre a falta. Pessoa:

                        Falta sempre uma cousa, un copo, uma brisa, uma frase,

                        e a vida dói quanto mais se goza e quanto mais se inventa

Non só iso: tamén eles, coma o seu propio pai, son desprazados: “Reis vive nun exilio voluntario en Brasil; Campos, enxeñeiro por Glasgow, vive sen traballo en Lisboa; Caeiro, que ten xa na súa partida de nacemento o certificado de defunción, viviu sempre no campo cunha tía vella”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>