A importancia do nome

bautizo1Francisco Ant. Vidal Blanco. Desilu-sióname que entre as novas xeracións se estean abandonando os nomes familiares en favor das modas impostas pola televisión ou as modelos de pasarela, esquecendo aquel antigo costume de poñerlle ó fillo máis vello o nome dos avós e ó segundo o do pai. Así, todos coñecemos nenos portadores dalgún apócope en lingua foránea. E é que nisto dos nomes, ademais de modas tamén hai certo desleixo patrimonial. Non vou criticar aquí o pouco tacto dalgúns pais inscribindo ó fillo co nome dun monstro que só aparece na Odisea ou dunha divindade que chegou ata nós por mor das súas artes maléficas, á fin santos hai no ceo que tampouco foron tan boas persoas como nolos pintan.

Moitas veces, aqueles nomes que se poñían como parte da herdanza familiar continuaron e continúan nas familias a través dos séculos, aínda máis aló do que duran os apelidos, e así, por exemplo, sei dunha parroquia na que todos os Emilios son curmáns entre si, ou na que todos os Eduardos proceden dun ancestro común, convertendo o nome nunha marca de identidade que se vai arrastrando a través das xeracións, un antigo costume que se perde con tanto estranxeirismo mal escrito invadindo as aulas de primaria e secundaria por mor duns pais que, na euforia do momento, procuran a distinción do recén, máis preocupados pola eufonía ca polo significado, sen decatarse de que o Jimmy segue sendo un Santi e o Joe un Pepe de toda a vida.

Pero hai outro factor, recentemente publicado pola universidade de Míchigan, non menos interesante e moito máis sorprendente, segundo o cal, dependendo de como se chame unha persoa, esta pode alongar a esperanza de vida superando a media dos seus conxéneres. E anque dito así parece unha fantasía propia das redes sociais, dalgún xeito, este estudio pode axudarnos a entender ese troco de nome en pro da integración en terra de acollida, ese troco que se dá entre as novas xeracións dos nosos emigrantes.

No caso estudado, tras analizar tres millóns de partidas de defunción de varóns negros de varios estados do sur dos Estados Unidos, datadas entre os anos 1800 e 1970, chegaron á conclusión de que quen se chamaba Moisés, Abraham ou Elías, por exemplo, podía vivir ata un ano máis cos seus veciños. E tras revisar outros factores sociais daqueles estados escravistas, viron que cando un amo tomaba ó seu coidado a algún neno, non só o bautizaba cun nome bíblico, senón que ademais preocupábase de darlle unhas elementais comodidades hixiénicas e unha preparación mínima, xa fose relixiosa ou de primeiras letras que, segundo os analistas do estudio, predispoñía ós mestres a dedicarlle unha atención preferente ós nomeados segundo o Antigo Testamento antes ca a aqueles que seguían os patronímicos das súas tribos ou nacións de orixe, o que redundaba, naqueles, nun mellor e máis doado acceso a traballos menos duros, incluíndo o de predicadores dalgunha das igrexas que por aló abundan, co que ademais de que o corpo sufría menos o paso dos anos, facían do nome, xa daquela, un eficaz elemento de integración e condicionamento social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *