Os Kowa (vinte e cinco anos con Queipo)

20160331_095019Agustín Agra. Os Kowa: unha imaxinaria tribo amazónica. Francis: o protagonista sen nome dunha novela. A Amazona: o escenario con maiúsculas. Unha viaxe: a aventura que conduce dende o compostelán parque de Bonabal, ata Bruxelas, Copenhague, Iquitos e aínda máis alá, o lugar onde habita a Callitaera aurora, unha bolboreta da que nada se coñece acerca da súa bioloxía. Xabier Queipo: un autor ao que cheguei da man de Ártico e outros mares, primeira obra que deu ao prelo, por volta da primavera de 1991, apenas uns meses despois da súa publicación.

Os Kowa: novela gañadora da última edición do Premio Blanco Amor. Francis: a mesma personaxe central de Malaria Sentimental (Sotelo Blanco, 1999). A Amazona: territorio idílico; mitificado, entre outro feixe de iconas, por filmes como Fitzcarraldo e Aguirre, a cólera de Deus, de Werner Herzog, e a magnética presenza de Klaus Kinski. Unha viaxe: aventura equinoccial na busca de respostas; o impulso que leva cara a diante a tantos homes e mulleres. Xavier Queipo: unha viaxe metamórfica –muda o autor, muda o lector–, dende Ártico ata Os Kowa, na que non escaparon á miña atención nin as súas obras de ficción, nin os ensaios, nin a poesía; tampouco a dedicada a un público máis cativo, as traducións ou os artigos en xornais e revistas de periodicidade diversa.

Callitaera-auroraFrancis: un botánico especialista en sucesións ecolóxicas e coevolución; un ser sentimentalmente líquido –como os que pululan polas páxinas de Dragona (Xerais, 2007)– mais intelectualmente sólido –canta solidez encerran as certezas científicas–. A Amazona: un escenario anecdótico, superficial; paisaxe ou ambientación tras a que se agocha o conflito interior. Unha viaxe. Mais a viaxe é dupla. Que auténtica viaxe non o é? Alén da Callitaera aurora á que busca, que pode atopar Francis ademais de a si mesmo? “Algún día contarás de que estás fuxindo”, dille Antón, un seu amigo, ao inicio da novela. Xavier Queipo: –el rexeitaría calquera intento de o etiquetar– unha crisálida en pulsión continua, unha ninfa en metamorfose permanente deixando tras de si muda tras muda, ecdise tras ecdise, no seu camiño cara o estado de imago.

Que faría eu nunha vida anterior para vir bater, nesta presente, con Xavier Queipo e Os Kowa?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *