Un asasino felizmente casado, de Fidel Vidal

fidelvidalAntonio Piñeiro. Magnífica, das mellores e máis ricas en contidos das lidas en moito tempo, esta historia interior. Un argumento bifocal enleado por sensacións, concepcións, pensamentos dominados polo emocional, para elaborar con eles o espazo, o tempo e a acción dunha novela que Fidel configura cos seus compoñentes máis abstractos: os sentimentos e os estados de ánimo.

Dúas persoas, Amador e Marta, debullan mentalmente cadanseu caer, doer ou desafogar (como prefire dicir o propio Fidel, na contracapa) do episodio tráxico ao que os trouxo a vida; mais dun episodio que non é só ese intre, senón a chave dunha porta que leva aos complexos espazos onde se mesturan a personalidade e as súas interaccións: individuo, familia, entorno social, laboral, etc., esculcados no amor, a enfermidade e a morte coma na tríada axial e definitoria do existir.

Amador Mosqueira, mestura de ser autodestrutivo e doente edípico -“…Se eu desexase con todas as forzas a morte do meu pai …” (Pax. 11)-, sofre unha crise emocional e catártica de raíz múltiple. Olla o mundo dende embaixo, dende enriba, dende dentro. Renega do seu aspecto, dos seus eidos sociais, do seu propio convencionalismo. Ten pesadelos e recorrencias dunha nenez que entre bota de menos e rexeita, fillo que se matina non desexado, alomenos pola nai, que quería unha nena, hipocondríaco, carente, apesarado e alucinado -“…Unha lámpada colgada mesmo enriba de min converteuse nunha bolboreta xigante, esta voou en picado, agarroume polos sobrazos e sacoume fóra do recinto por unha das vidreiras da ábsida…” (Pax. 105)-, quere saber quen é, en que se enganou, e mestura o seu monólogo cun azo onírico (elemento psicoanalítico da primeira vaga) polo que a dor/resentimento se nos vai revelando coma eixo existencial dunha personalidade atormentada.

fidel vidal2Marta, pola súa banda, comeza coa referencia directa ao suceso que propicia as dúas introspeccións -a morte de Paula- explicándonos como Amador a borrou da súa consciencia. Fai del o fío condutor do seu relato, basculando por igual entre o convivir coa sensación de culpabilidade, ser outra proxección do estado de Amador e describir a figura de Paula antes, durante e tras a súa morte (dende onde é unha presenza recorrente), de maneira que en Marta, quizais, tamén nos propón Fidel a figura da nai, coma expoñente da outra forma da declinación/catarse, da dor xestionada e consciente, exposta con crueza -“…A médica desalmada non me permitiu darlle unha derradeira aperta á miña filla…” (Pax. 179) e sucesivamente irresoluta ou concatenada.

A idea que particularmente a novela me deixou é a dunha exploración literaria do “trauma”. O trauma coma o tema na súa dupla acepción: a freudiana (ese Nilo afectivo da personalidade) e a postcognitivista (a reacción reflexiva ao suceso impactante), ambas as dúas coma decantadoras do comportamento e incluso, segundo esta última, á inversa: o estado psíquico coma determinante das reaccións físicas do organismo. “… Influirían na desgraza -o cancro- as presións ás que a sometín para seguir adiante nos estudos?… (Pax. 223).

Mais dentro do tema amplo, tamén ao conflito edípico, latente en todo momento con Amador, paréceme que Fidel lle concede un peso definitivo (íntegramente as pasaxes sexta e sétima están dedicadas a el, ademais do abrupto inicio do libro) en relación coa construción da personalidade do personaxe e da súa posta en contraste co de Marta, nunha sorte de consideración literaria do concepto central que tamén é na teoría freudiana.

A estrutura do libro é a dun díptico, unha simetría asimétrica que polo cariz tampouco me resisto a ver coma unha emulación literaria ou inspiración na imaxe Roschach, na que a primeira folla (Amador) coas súas trinta e unha pasaxes e as vinte e unha da segunda (Marta), son as gallas sobre as que se reconstrúen as dúas caracterizacións tras o duro acontecemento que propicia a reconstrución. Polo tanto tamén no tocante á estrutura me parece unha proposta, instintiva ou premeditadamente, coidada e destacable.

fidal vidal3O texto é moi rico, dotado de varios rexistros diferentes e de continuos xogos de palabras e retóricas -“… ao me ver enteiro, un ver me, un verme …” (Pax. 25), “… lento voo de lavandeira. Lavandeira, de lavar bandeiras e mans…” (que magnífica ironía agochada aí) (Pax.40), “…Amor, amador, mor e morte, amadorte…” (Pax. 53), e outros, coma nunha afloración do modo de traballo do pensamento, da linguaxe do pensamento, na orde do relato, que en moitos casos constitúen auténticos destellos -espero que Fidel me permita a expresión- psicoasociativos -“…así deliberaba en silencio nas miñas concentracións, nos meus campos de concentración…” (Pax. 29)-; fermosas antíteses vestidas de aliteración, coma en “O inferno do inverno era o frío” (Pax. 39); finísimos toques dun humor relativista e pouco habitual -“… con identidade propia, rexistrado no libro de familia e posteriormente con documento nacional de identidade…” (Pax. 26)-; e imaxes que nos traen recordos ou variacións doutros notables momentos novelísticos, algúns relacionados co mesmo tema, sen que as semellanzas vaian máis aló, coma no caso da matanza do cocho (capítulo sétimo de Amador) e a dos roxelos n`O silencio dos cordeiros de Thomas Harris.

Deixareino aí, coma as catro pólas dun denso mato estilístico, pero non quixera rematar sen destacar un parágrafo no libro, polo ilustrativo que é desta procura do estilo; un parágrafo no que Fidel semella inserir algo da pescuda autorial na pel do personaxe. “Así o meu traballo literario, fragmentario, de poemas sen estrutura, de versos a cachos, plumas espalladas de aves mortas, sen xeito, e cando me prodigo en profundidades, afogo. Entón rexeito a escrita toda.” (Pax. 54). Nel, danos tres cousas: unha, o algo que sempre hai do propio autor no texto, aínda que nada se corresponda co biográfico; outra, a reflexión sobre o propio exercicio da literatura, sobre a súa función, aínda que sexa a través da personaxística máscara grega (Fidel estaría un pouco na metaliteratura, na supraliteratura ou na filosofía literaria); e a terceira, a explicación estilística que nos informa un pouco sobre o que o texto é formalmente (escrita de intención poética, instintiva, crebada, etc.).

Obra finísima, dotada de elegantes complexidades, claramente distinta e, polo tanto, claramente destacable, atrevereime a dicir que nesta novela de Fidel Vidal, Un asasino felizmente casado, temos non só un expoñente máis da súa importante obra de expresión e pensamento, senón que teremos a fortuna de contar con ela coma un dos libros máis senlleiros nos andeis da Memoria Barbantia.

Esta entrada foi publicada en Alberto Piñeiro, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Un asasino felizmente casado, de Fidel Vidal

  1. Antonio Piñeiro di:

    Ao contrario, Fidel. Ao contrario. A gratitude e miña. Da gusto ler esta boa, intensa, mentalísima historia de Amador e Marta. Leveina comigo, para lela nos bancos do paseo de Coroso, na cafetaría, no Vilar …, ademáis de na casa, prendido do seu ritmo e desa sutil escolla dos episodios. E insisto en recomendala, en felicitarte por conseguir cadrala así e en agradecerche as túas amables palabras.

    A miña calorosa aperta tamén.

  2. Fidel Vidal di:

    Por esta vía quero agradecer a xenerosidade do meu admirado amigo Antonio Piñeiro e, sobre todo, pola súa profunda anàlise do “Asasino”. A Piñeiro non se lle escapa unha! Algúns dos episodios gardan un ritmo e unhas formas semellantes ás que se dan nas sesións de psicoterapia. Para min a novela -como acontece nalgúns filmes- está baseada en “feitos reais”, mesmo os oníricos ou os puramente inventados, É, ou pretende ser, unha novela do real.
    Reitero as grazas a Piñeiro que, malia a súa bondade para comigo e a miña novela, segue a ser un activo e magnífico crítico lector.

    Unha forte aperta. Saúde,

    Fidel Vidal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>