Hillsborough

The SunGonzalo Trasbach. Acabo de ler nun xornal que un tribunal inglés ditou sentencia a favor das familias das vítimas e declarou culpable de homicidio involuntario ao corpo de policía que actuou no incidente que ocorreu no campo de Hillsborough, en Sheffield (Inglaterra). Temos que subliñar que a referencia a tal decisión dun tribunal de xustiza estaba contida nun simple breve. Habería que ir á hemeroteca para ver o espazo que entón se lle dedicou a un suceso tan grave. Sen mirar, case me atrevo a dicir que seguramente os medio se despacharon a gusto cos afeccionados, especialmente cos do Liverpool, que xa de antemán estaban estigmatizados. Isto é o que se chama medir a todos coa mesma vara. Cóidenos o demo de caer nas súas garras!

Tense comentado que a policía británica cumpre moitas funcións. Unha delas, supoño que coma todas as demais, é a de protexer os cidadáns e perseguir os criminais. A falta das actitudes necesarias para levar a cabo esas obrigas desencadearon a catástrofe na bancada do campo de fútbol de Hillsborough o 15 de abril de 1989. É dicir: cinco anos despois da tristemente célebre batalla de Orgreave, onde a policía de Yorkshire do Sur loitou contra os mineiros para achandarlle o camiño de xeito definitivo ao neoliberalismo de Margaret Thatcher, 94 afeccionados do Liverpool (dous máis faleceron despois á causa das feridas) morreron esmagados no estadio de Sheffield, mentres o seu equipo facía o saque inicial da semifinal da copa inglesa contra o Nothingham Forest. Ademais da dor polos seus mortos, os familiares topáronse con outro trauma: unha conspiración que organizou a policía de Yorkshire do Sur contra os seus parentes mortos e contra os superviventes.

 Hillsborough1  “Unha noite de inferno e tormento”, cualificou Margaret Thatcher aquela mortífera e afastada  xornada. A Dama de Ferro, trala ascensión ao poder en 1979, decidiu subir os soldos da policía un 45%, pese a que aos demais traballadores do sector público lles estaban aplicando recortes nas súas nóminas. Por que? Porque sabía que precisaba da policía para librar as súas batallas, de xeito especial contra o bastión principal da resistencia aos seus plans: os sindicatos mineiros. Así obtivo a súa recompensa na folga mineira de 1984-85, na cal o seu goberno empregou a policía como ariete político.

No enfrontamento de Orgreave de 1984, un dos monumentos máis amargos de todo un ano enteiro de loitas, axentes da policía a cabalo atacaron a porradas e mallaron nos piquetes de mineiros que rodeaban unha fábrica de coque. Os intentos posteriores para procesar xudicialmente os piquetes fracasaron, e a policía de Yorkshire do Sur pagou máis de medio millón de libras en concepto de indemnizacións e custos procesuais. Tres décadas despois, a mesma policía compareceu diante da Comisión Independente de Queixas da Policía para defenderse das acusacións de perxurio, obstrución á xustiza e agresións en Orgreave. A policía estaba acusada de inventar probas e de montar unha tapadeira. O mesmo que ocorreu en Hillsborough, cando a forza policial xa estaba moi preparada para saír á caza do “inimigo interior” do sistema, consigna que derivou nunha cultura policial da brutalidade por enriba de todos os dereitos.

Vinte e tres  anos despois do desastre, o Comité Independente de Hillsborough ratificou o que tanto os superviventes coma os parentes das vítimas sabían dende o principio: os afeccionados non tiveron ningunha responsabilidade na catástrofe. A culpa foi, en gran medida, da policía. Catro anos máis tarde un tribunal de xustiza acaba de ratificar tal decisión.

Hillsborough2A imaxe de horda perigosa que tiñan os seguidores do Liverpool  motivou a resposta policial á calamidade que estaba sucedendo. Pero entón prevalecía a actitude de que <os afeccionados ao fútbol eran basicamente lixo, vasoira>. Os fans do Liverpool non eran culpables de nada. Non obstante, a policía non tiña intención algunha de asumir a responsabilidade e, de feito, iniciou unha campaña para desviar a culpa coa finalidade de fomentar a versión de que o acontecido era responsabilidade dos afeccionados borrachos.

Aínda así, o que marcou o momento máis baixo e depravado da conspiración de Hillsborough foron as mentiras que lles venderon aos medios de comunicación os altos mandos da policía e os representantes do goberno conservador nese intre, unhas falsidades que logo se publicaron de modo vergoñento e sen ningunha vontade crítica. As calumnias contra os afeccionados traumatizados eran aceptábeis sempre e cando non se nomease a ninguén. Aínda que me alegro do final desta turbia e turbulenta historia, que está moi ben explicada e documentada en El stablisment (Owen Jones), pregunto: Sabemos a día de hoxe o nome do autor ou dos autores da morte dun afeccionado do Deportivo en Madrid? Cando toman o café pola mañá lendo un xornal, este chéiralles a algo? E a que?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *