Xerardo Agrafoxo. Esta película conta a vida dunha comunidade que vive a carón dun lago situado nunha fronteira da xeografía rusa. A súa vida semella que non mudou nos últimos decenios. Cada familia vive no territorio da supervivencia, sempre á espreita de quen se achega ás súas casas. Todos están atentos a unha televisión decadente e, sobre todo, pendentes das “noticias” que lles trae o carteiro coa súa barca motorizada. El é fío condutor de cada unha das historias que se revelan ante os nosos ollos cun ritmo tan pausado que semella que estamos vendo un documental con intencións antropolóxicas.
Deste xeito, O carteiro das noites brancas (2014) convértese nunha película que retrata de maneira sinxela a soidade do individuo, representada aquí polo carteiro Lyoka, interpretado por Aleksey Tryapitsyn, que, no seu intento de seducir a Irina, unha muller máis nova e compañeira de escola (Irina Ermolova), atoparase diante dunhas situacións insospeitadas. A película tamén retrata a indefensión do individuo fronte a engrenaxe burocrática e o illamento dunhas persoas que viven á marxe das autoridades. É dicir, unha película rusa que tamén se podía rodar nalgunhas aldeas da Galicia profunda. A riqueza das imaxes e a firmeza das denuncias, converten esta película nunha obra digna de verse. Se é posible pola noite, e coa casa en “modo silencio”.
O realizador desta curiosa obra, que levou o León de Prata á Mellor Dirección no Festival de Venecia de 2014, é Andrei Konchalovsky, autor de Siberiada (1979) e irmán de Nikita Mijalkov, recoñecido no cine occidental por O barbeiro de Siberia (1998).