Lonxe dos homes, de David Oelhofen

Lejos-de-los-hombresXerardo AgraFoxo. Esta película está baseada nunha colección de relatos de Albert Camus recollidos baixo o título de O exilio e o reino, publicados no ano 1957, meses despois de recibir o Premio Nobel de Literatura. E cunha temática tan camussiana –o home ante o destino e o poder sen sentido moral– que semella que o protagonista está tirado dunha das novelas máis salientables do autor, O home rebelde, ou dalgunha das súas obras dramáticas, como O malentendido. Na Alxeria do ano 1954, no medio dun duro inverno, Daru (Viggo Mortensen), un mestre pied noir, acepta de mala gaña escoltar a Mohamed (Reda Kateb), un labrego acusado de matar un curmán, a través das montañas para que se enfronte a un xuízo ante as autoridades coloniais. Pero, perseguidos por uns homes que intentan vingarse, uns colonos violentos, a resistencia alxeriana e o mesmo exército francés, os dous veranse diante dunha dura proba.

lejos2 Coa Guerra de Alxeria como pano de fondo da película (Mellor Filme no Festival de Bucarest, 2015), David Oelhoffen (1968) converte este drama, onde a inmensidade e beleza do Atlas semella un personaxe, nunha historia de loita e resistencia. Un “western” que destaca pola sobriedade do seu estilo, tan áspero e sobrio como require a época retratada e o nobelo desenvolvido. Unha viaxe física ao longo dunhas fronteiras –tanto xeográficas coma mentais– que os dous protagonistas precisan “atravesar” se queren salvar o seu pelello.

Espléndida!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *