A historia interior

interior1Antón Riveiro Coello. Na Poética, Aristóteles apuntaba que o poeta expresa principalmente o universal da natureza humana e o historiador o particular e relativo, mais isto tampouco se pode tomar ao pé da letra, porque calquera personaxe, tanto da historia como da ficción, expresa sempre algo universal e algo relativo e, como di Menéndez Pidal, a lóxica natural que dirixe os pensamentos e as paixóns dos seres vivos non é distinta da que guía a un heroe de drama ou de novela.

O que si é certo é que a obra histórica articula o social por riba do individual e case sempre repara nos grupos humanos e nas súas estruturas, neses grandes eventos de alcance nacional; a obra literaria adoita deterse na vida privada e familiar do home, na experiencia do fragmentario, do particular, do anecdótico, que nunca foi preocupación da historia, centrada máis nos procesos sociais.

Son poucas as veces que se pode probar documentalmente os ámbitos da vida privada, eses feitos cotiáns que acontecen no interior dos humanos. Non obstante, o novelista ten licenza para recrear eses intres e mesmo é quen de se meter dentro do personaxe histórico e pensar por el, acción que se lle nega ao historiador referencial. O escritor ten a vantaxe de afondar na conciencia dos personaxes, de tocarlles a alma, de insuflarlles unha vida interior. Mediante un proceso intuitivo, viste a pel dos protagonistas e imaxina a súa intimidade, e vívea cunha intensidade que non está ao alcance dun historiador, porque as traxedias acontecen no fondo da conciencia humana. balzacO escritor de ficción historia con medios novelísticos esas condutas secretas; pode interpretar a intimidade latente dos personaxes, amosar os seus conflitos internos e mesmo equivocarse polas evidentes limitacións desta tentativa. Pola contra, para o historiador non hai posibilidade de reparar nesa intimidade da conciencia persoal porque fica fóra da súa disciplina; se o fai estaría ignorando as regras da historia, que se sustenta no soporte material dos documentos.

De aí, que concordemos coa fermosa frase de Balzac de que a novela é a historia privada das nacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *