Bágoas de parafarmacia

bágoas2X. Ricardo Losada. Tenme pasado varias veces. Unha persoa recibe unha mala noticia e ponse a chorar. Alguén dille que non chore e eu recoméndolle que a deixe: Chorando séntese mellor, se se sentise peor, non choraría. Paréceme tan de sentido común, que estou seguro de convencer o interlocutor, pero o que realmente sucede é que o afectado, indignado, dálle a razón a el, e chámame insensible, como se eu quixese quitarlle ferro ao seu sufrimento. Á maioría da xente gústalle sentirse vítima, pois conseguen esa complicidade, mesmo esa comprensión, tan escasas, e cada vez máis caras, no mercado contemporáneo das emocións. Creo que o lector pode desaprobar a primeira tese deste parágrafo, pero non a última. É evidente que vivimos nunha sociedade con procesos colectivos de vitimización cada vez máis patéticos. Valoramos máis a vítima que o xusto e, como dicía Primo Levi, ser vítima (el foino) non é mérito ningún.

     Hai pouco lin unha noticia que, creo eu, dáme a razón (perdoade a soberbia) sobre a primeira tese. báboasA fotógrafa Rose-Lynn Fisher fixo un estudo sobre as lágrimas e descubriu que, a pesar de que todas teñen unha composición básica constante (as de rir, as de chorar, as de aliviarse, as de pelar as cebolas, as de lubricar a córnea), tamén presentan pequenas diferenzas moleculares, ao seren activadas por distintas áreas do cerebro. As bágoas de chorar, por exemplo, conteñen un analxésico natural que se libera cando o corpo está baixo sobrefatiga, e que non teñen as bágoas que provoca un chiste ou unha circunstancia graciosa. Non vou pedir que ninguén se desculpe comigo (perdoade outra vez a soberbia), pero gustaríame que o descubrimento de Rose-Lynn axudase a desvitimizar a sociedade na que vivimos pois é un problema grave que as vítimas acaden o protagonismo que están acadando en ámbitos que non lles son propios, nomeadamente o de lexislar. A separación de poderes é tamén separación da emoción e a razón.

      Pero non quero pórme serio cun tema coma este, acabaría chorando, e chorando non se escribe ben. Prefiro suscitar outro tipo de debates. Por exemplo: Teñen analxésico as bágoas que derramamos ao final dunha película emotiva? En principio parecen bágoas de sufrir, pero é evidente que non o son: canto máis choramos, máis dicimos que nos gustou a película, e máis posibilidades hai de volver vela.bágoas3 Non é o que pasa no mundo real. Se choro porque un ser querido sofre, non digo que me gusta que sufra, e unha vez curado, non desexo volver velo sufrir. Pero bágoas de rir tampouco parecen, o estímulo que as provoca é triste. Así que decidín comprobalo empiricamente. Volvín ver a película que máis me fixera chorar na miña vida, Sorrisos e bágoas, e que, curiosamente, non volvera ver desde neno. E volvín chorar, pero, para a miña decepción, non durante a película, senón ao acabar, compunxido por non ter chorado nos momentos máis emotivos da historia da familia von Trapp como chorara de neno. Sentino como unha perda tan profunda e definitiva, como unha dor tan fonda e irreparable, que xa non puiden conter as bágoas durante moito tempo. Necesitaba unha cantidade inmensa de analxésico para sentirme mellor.

2 comentarios en “Bágoas de parafarmacia

  1. Acabo de ver en internet que se escribe síndrome de Sjörgen. Curiosa coincidencia.
    Por descontado, toda a solidariedade coas vítimas de todo tipo e condición.
    Grazas, e apertas rianxeiras

  2. Este artículo me va como anillo al dedo para el siguiente comentario: Yo no tengo lágrimas, según los entendidos dicen que padezco el síndrome de Sgreger ( no sé si lo escribo bien ) cuando siento una gran pena soy incapaz de llorar, en cambio cuando veo a la Familia Trapp u otra similar , Sgreger abre mis lagrimales cual torrentes del Niágara para después volver a cerrarlos en el siguiente doloroso episodio.
    Me ha parecido curiosísimo ese estudio sobre las lágrimas y un artículo muy original y como siempre de categoría.
    Primo Levi decía que ser víctima no era ningún mérito y eso es verdad, pero todo nuestro cariño a todos los que sufrieron el Holocausto. besos palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *